O Centro de Intelixencia Artificial de Ourense inicia este venres un ciclo de conferencias

xoves, 12 de novembro do 2020 S. P.

O acabado de estrear Centro de Intelixencia Artificial do Concello de Ourense, con sede en La Molinera, inicia este venres 13 de novembro un ciclo de conferencias divulgativas sobre as súas aplicacións en diferentes eidos do coñecemento e a investigación. A primeira sesión, IA aplicada a imaxes de Cardioloxía, vén da man do investigador César Veiga, da Área de Cardioloxía do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.
O ciclo Os venres con Intelixencia Artificial está composto por xornadas semanais de seminarios de I+D+i. Cada sexta feira (venres) haberá un relator convidado que describirá os seus traballos relacionados coa IA.
As sesións, debido ao actual contexto de pandemia provocada pola COVID19 (que impide realizar estas charlas de forma presencial) poderán seguirse todas as actividades a través da aula virtual, por medio dunha vídeo-conferencia en Youtube.
O doutor Veiga falará da análise de imaxes médicas utilizadas actualmente no Servizo de Cardioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. É experto nas técnicas de aprendizaxe de máquina e redes neuronais profundas aplicadas a este tipo de imaxes. O propósito do seu traballo é mellorar tanto o diagnóstico coma o tratamento. No seu relatorio explicará tamén a forma en que os métodos en IA están a ter un impacto positivo, e describirá o traballo futuro que se necesita neste eido de investigación.

PUBLICIDADE