O Centro de Excelencia de Vigo achegou dezasete actividades en aberto ao longo do período 2012-2013

xoves, 19 de decembro do 2013 Redacción

O Centro de Excelencia de Vigo remata o ano facendo reconto das actividades que acubillou e promoveu ao longo 2012 e 2013 e da repercusión xerada polas mesmas. En total, informaron fontes do centro durante o acto de clausura da súa primeira edición celebrado este mércores no Consorcio da Zona Franca de Vigo, máis de 750 empresas e profesionais de diferentes sectores de Vigo e a súa área de influencia participaron no programa de accións levadas a cabo, accións moitas delas relacionadas coas TIC ou coa innovación a tempo completo.
Ademais, impartíronse máis de 600 horas de consultoría “que serviron para que as beneficiarias do programa coñecesen habilidades e ferramentas de xestión de I+D+i e tivesen o apoio preciso, desde a xeración da idea até a súa comercialización”. A maiores, o Centro de Excelencia de Vigo (unha iniciativa da Escola de Organización Industrial, o Consorcio da Zona da Franca de Vigo e a Universidade de Vigo), celebrou neste período un total de 17 actividades en aberto, nas que preto de 750 persoas puideron coñecer diferentes metodoloxías en materia de innovación. A tipoloxía destas accións foi “do máis variada” (abranguéndose demostracións de tendencias ou adestramentos), ao igual que a natureza das sesións (diferentes exemplos de empresas innovadoras e mecanismos para acadar máis sustentabilidade e competitividade).
A delegada do Estado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, amosouse “moi satisfeita cos resultados obtidos” nesta primeira edición do Centro de Excelencia de Vigo e dixo que “se non se desenvolven as capacidades innovadoras das PEME non hai futuro, polo que é necesario seguir traballando en iniciativas deste tipo que fomenten a posta en marcha de proxectos de I+D+I que fortalezan o noso tecido produtivo”. Ao remate do acto de presentación de datos do Centro de Excelencia, contouse coa presenza de Juan Freire, co-fundador e director de Innovación de Barrabés Next e co-fundador de Teamslabs e Kartenn, quen ofreceu unha conferencia maxistral sobre o cambio de paradigma que se está producindo no ámbito da innovación aberta, facendo fincapé en que “os cambios experimentados nos últimos anos deron lugar a novos sistemas nos que a sociedade convértese en protagonista, polo que debemos pensar na innovación como nunha cultura xa que, se temos unha sociedade innovadora, esta chegará a todas partes”.

PUBLICIDADE