O Centro de Excelencia de Vigo amosa este venres as vantaxes produtivas de termos unha boa xestión de refugallos

xoves, 21 de marzo do 2013 Redacción

O Centro de Excelencia de Vigo organiza este venres 22 un encontro profesional de especial interese para as empresas que queiran apostar por una axeitada xestión ambiental nos seus procesos. A cita será no Consorcio da Zona Franca de Vigo, a partir das 9.30 horas, e nela participarán representantes da Axencia Galega de Innovación, do Centro Tecnolóxico AIMEN e da delegación en Galicia de AENOR. Entre outras cousas, o Centro de Excelencia dará conta dos métodos máis indicados e rendíbeis para mellorar a relación dunha empresa co seu contorno natural, facendo especial fincapé nos programas de financiamento dispoñíbeis, na filosofía da eco-innovación, nas novas tecnoloxías que se achegan ou na importancia de apostar polos sistemas ambientais pero tamén por dalo a coñecer.
Tamén se avaliará, xa nun plano máis concreto, as experiencias reais de empresas como Aqualia (tratamento de augas residuais), Grupo Toysal (innovación na xestión de refugallos) e Sedaqua (depuración de augas). A xornada desenvólvese baixo o título Innovación e Medio Ambiente na Industria e está incluída no Programa de Actividades en Aberto do Centro de Excencia.
Os principais obxectivos desta actividade son dar a coñecer cal é a verdadeira relación entre a empresa e a contorna, comprender que unha xestión medioambientalmente correcta do negocio pode converterse nunha vantaxe competitiva e presentar as posibles estratexias que pode seguir unha compañía neste ámbito. A Axencia Galega de Innovación, o Centro Tecnolóxico AIMEN e AENOR Galicia, darán a coñecer os diferentes programas de financiamento que se aplican na industria, explicarán que é o eco-innovación e amosarán a importancia que ten certificar os sistemas ambientais para as empresas. A participación é gratuíta e está aberta a todas aquelas empresas, agrupacións empresariais ou institucións galegas que desexen potenciar a súa cultura innovadora. Os interesados deben enviar o formulario que atoparán na páxina web do Centro de Excelencia de Vigo.
Programa de actividades
09:00h. Rexistro de asistentes
09:30h. Apertura da xornada
Regina Carreira. Vicexerente de Internacionalización. Universidade de Vigo
09:40h. O medio ambiente, como vantaxe competitiva: Programas de financiamento que aplican na industria
Axencia Galega de Innovación
10:10h. Eco-innovación
Luz Ferreiro. Responsable do Departamento de Medio Ambiente. AIMEN
10:35h. A importancia da certificación de sistemas de Xestión Ambiental na empresa
José Enrique Rodríguez. Xefe do Servizo Comercial. Delegación de AENOR en Galicia
11:00h. PAUSA CAFÉ
11:30h. Experiencias en Innovación e Medio Ambiente: Converter retos en oportunidades
Modera: José Carlos García. Coordinador Tecnolóxico. Consorcio da Zona Franca de Vigo
I+D+i en Aqualia: Cara a un cambio de paradigma no tratamento de augas residuais”
Jose Ramón Vázquez. Xefe de Proxectos de Investigación. Aqualia - Grupo FCC
Experiencias de innovación na xestión de residuos
Javier Cortón. Responsable de Medio Ambiente. Toysal.
Creación dunha spin-off e innovación ambiental no sector depuración de augas
David da Varga. Conselleiro delegado e director técnico. Sedaqua
12:30h. Panel de discusión entre os relatores e o público convidado
12:50h. Peche da xornada
José Carlos García. Coordinador tecnolóxico. Consorcio da Zona Franca de Vigo

PUBLICIDADE