O Centro de Dinamización da AECO organiza dous cursos de iniciación á Rede

luns, 2 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

O Centro de Dinamización da Asociación de Empresarias da Coruña (AECO) segue adiante coa súa actividade de achegamento das novas tecnoloxías da información e das súas vantaxes á cidadanía. Este compromiso a prol do dixital e do que este representa, reforzado logo dun novo acordo coa Rede de Dinamización da Sociedade da Información (iniciativa da Consellería de Innovación), vaise materializar a través dunha serie de accións concretas que, lonxe de centrarse en coñecementos avanzados, atenden aos niveis máis básicos da cuestión informática co fin de facer o máis doada posible a entrada á era dixital. En definitiva, trátase de dous cursos a desenvolver durante o mes de marzo: o primeiro, Iniciación á informática, celebrarse entre o 9 e o 18 deste mes en horario de mañá; o segundo, Creación dunha conta de correo electrónico, dará comezo (en horario de tarde) o día 23 para rematar o 26.
Amais disto, e segundo informa o propio Centro de AECO, en febreiro púxose en marcha unha iniciativa encamiñada a estreitar as ligazóns das mulleres asociadas á entidade entre si, coa propia entidade e coa sociedade en xeral. A actividade consistiu en achegarlles a todas e cada unha delas unha conta de correo electrónico e os coñecementos precisos para tirarlle o máximo rendemento.
O Centro de AECO, que conta cun servizo de aula aberta para socias e a poboación galega en xeral (que inclúe ordenadores e accesos a Internet), ten o seguinte horario: de luns a xoves de 9 a 14 e de 16 a 19 horas; venres de 9.30 a 15 horas. Segundo informa a dinamizadora do Centro, Bárbara Fernández, aquelas persoas interesadas en participar nos obradoiros ou en tirar proveito dos equipamentos da aula aberta poden poñerse en contacto co centro a través do teléfono da asociación, 981.297.870, ou a través do correo electrónico.

PUBLICIDADE