O Centro da RDSI de Sada supera o milleiro de persoas inscritas

martes, 9 de febreiro do 2010 Raquel Noya

Os Centros de Rede de Dinamización da Sociedade da Información de Moaña, Bueu, Vilasantar e Sada, veñen de facer balance do traballo realizado en prol da inmersión da sociedade galega nas TIC en cadansúas localidades en xaneiro e o resultado foi moi positivo, destacando por enriba das demais o da aula de Sada, que supera xa o milleiro de usuarios e usuarias.
No pasado mes na comarca do Morrazo en concreto (nas aulas de Bueu e Moaña), impartíronse un total de 9 obradoiros tecnolóxicos, a través dos que se formou a 45 persoas e que se estenderon ao longo de 66 horas.
En Vilasantar, a actividade non foi menos e en xaneiro leváronse a cabo dous obradoiros tecnolóxicos que se estenderon ao longo de 11 horas.
Os obradoiros impartidos foron Presentacións: Impress e Comunidades sociais: Tuenti, Facebook... estes cursos, xunto coas ducias de distintos obradoiros impartidos até a data de hoxe, poñen de manifesto a grande diversidade formativa que oferta a Rede en tódolos seus centros.
O centro sadense, pola súa parte, volveu superar en xaneiro os 1.000 usos mensuais. Este mes, asemade, realizou 29 novas inscricións, o que fixo que o número de persoas inscritas como usuarias da RDSI no Centro de Sada superase xa o milleiro.
Durante o pasado mes impartíronse en Sada case 60 horas de formación gratuíta que incluíron a iniciación á informática e a Internet, o correo electrónico e o manexo da folla de cálculo. Un total de 6 obradoiros nos que participaron 56 persoas.
Ademais, unha decena de persoas asistiron á charla divulgativa verbo do correo electrónico, unha cita obrigada que responde ás demandas das persoas usuarias de profundizar nos contidos desenvolvidos nos obradoiros, abordáronse algunhas das funcións e utilidades avanzadas máis destacables desta importante ferramenta.

PUBLICIDADE