O Centro Torrente Ballester de Ferrol acolle esta fin de semana o encontro do sector do videoxogo Ferrol ID

xoves, 28 de xullo do 2022 S. P.

O Concello de Ferrol e a Koffi Game Association organizan neste remate de xullo, o sábado 30 e o domingo 31 de xullo, o Ferrol ID 2022, un evento centrado no sector do videoxogo que ten como obxectivo “fomentar o networking entre profesionais con experiencia e novos talentos”. A concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus; o presidente de Koffi, Javier Deus, e o presidente de TIC Ferrolterra, Pablo Rivera, presentaron o encontro a semanada pasada. O evento conta coa colaboración desta última entidade, de AJE e da Universidade da Coruña.
Ferrol ID terá como sede o Centro Torrente Ballester e contará con catro profesionais de diferentes estudios que ofrecerán cadansúas clases maxistrais. Qar, de Qaramelo Videoxogos (Ourense) falará sobre emprendemento; Félix, de Out of the Blue (Madrid), sobre arte técnico en Unreal; Álex, de Wild Cat Records (empresa de composición de bandas sonoras), sobre deseño sonoro, e J.C. Montero, de Red Mountain Games (Madrid), sobre deseño narrativo. A inscrición é gratuíta e ficará aberta ata o 26 de xullo.
María Teresa Deus destacou que “o evento representa un magnífico exemplo de actividades xeradoras de emprego”. Lembrou que a industria do videoxogo en España “é unha das dez máis punteiras do mundo” e que a súa facturación vén medrando sen interrupción durante anos. Ademais, dixo, o número de postos de traballo increméntase no sector a un ritmo dun 8,5 % anual. Deus agradeceu a colaboración da Universidade, que facilitou a residencia universitaria para o aloxamento dos participantes, como tamén o apoio de TIC Ferrolterra e AJE.
Pola súa banda, Pablo Rivera dixo que a cita deixará ver o valor que hai na cidade dentro deste sector. “En Ferrol temos a sorte con contar tanto con empresas como persoas referentes que traballan dende aquí”, destacou.
Javier Deus precisou que “dende o primeiro momento tratouse de organizar un evento para profesionais e por profesionais”, abrindo a participación a diferentes perfís, “non necesariamente do propio sector, pero si con potenciais conexións con el, como poden ser deseñadores gráficos”.
En canto ao programa, a mañá do sábado 30 estará dedicada ás clases maxistrais, mentres que pola tarde haberá mesas redondas rotativas, unha presentación por parte de AJE e outra de Koffi Game Association. A xornada pecharase nun espazo de proba de videoxogos indie. O domingo, os participantes terán oportunidade de realizar un percorrido en lancha pola ría de Ferrol e entre as 12.30 e as 13.00 levarase a cabo a clausura.

PUBLICIDADE