O Centro Tecnolóxico do Barbanza achega formación programadora para loitar contra o desemprego

venres, 20 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

O CTBarbanza (Centro Tecnolóxico do Barbanza S. Coop. Galega), de cuxa posta en marcha falamos os días pasados en Código Cero, está a impulsar estes días a súa vertente formativa. Segundo nos conta Jorge Parada, un dos impulsores da cooperativa informática, o equipo de CTBarbanza vén de organizar un curso de formación para novas e novos programadores, unha actividade directamente encamiñada a pór freo ao desemprego local. Fixérono con GDoce e, segundo informan, están pendentes agora dunha presentación oficial a través do Clúster TIC Galicia, que se celebrará o día 25 deste mes.
Neste acto de estrea ante os medios e ante o sector dixital (e doutros sectores), os integrantes do centro tecnolóxico resolverán todas as dúbidas que poidan xurdir e atenderán as posíbeis propostas para mellorar o temario que poidan xurdir entre as empresas presentes na cita.
Ademais, a cooperativa informa de que segue a traballar para afianzar unha colaboración activa con empresas da zona, “para que as alumnas e alumnos que cumpran cos requisitos de calidade que nos impuxemos, poidan ser candidatos a postos de traballo das mesmas”. O obxectivo é poder presentalas e presentalos cun proxecto persoal a xeito de carta de presentación.
Quen precise máis datos sobre a iniciativa formativa do CTBarbanza, pode velos na web https://zerodayfullstack.es, onde se poden descargar o temario e máis a organización do curso.
O equipo
A cooperativa vén da man dos seguintes profesionais das tecnoloxías:
· Jorge Parada Fernández (Ribeira). Desenvolvedor FullStack, con 15 anos de experiencia en múltiples linguaxes, como Java, TypeScript, Php, Phyton, etc.
· Daniel de la Concepción Fernández (Ribeira): Desenvolvedor FullStack con 6 anos de experiencia, nos que ten pasado tamén por varias linguaxes de programación, e plataformas de desenvolvemento. Dende aplicacións móbiles nativas a páxinas web e servizos de backend.
· Fernando Ferro Cebreiro (Boiro). Técnico de Sistemas, que ten participado no deseño, instalacións, montaxe e mantemento de infraestruturas de redes con máis de 150 computadores con uso intensivo.
· Tania Rodríguez Cadillo (Ribeira). Deseñadora gráfica con cinco anos de experiencia, especializada en fotografía comercial e deseño web.
· Gustavo Llovo (Ribeira). Enxeñeiro técnico en Informática, experto en desenvolvemento de proxectos, xestión de datos e de sistemas e organización de eventos informáticos (por exemplo a UxíaNet de Ribeira).

PUBLICIDADE