O Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia-Aula de Produtos Lácteos asina máis dun contrato por semana con empresas do sector

martes, 11 de maio do 2010 Redacción

O Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia vén de cumprir o seu primeiro ano de actividade cunha bagaxe que dá continuidade a todo o labor de investigación e colaboración co sector empresarial na que dende hai vinte anos traballa a Aula de Produtos Lácteos (APL) da Universidade de Santiago, agora integrada no propio Centro.
As cifras non deixan lugar á dúbida sobre a transcendencia económica dunha iniciativa que xera emprego e oportunidades de negocio nun sector clave en Galicia. En 2009 entre o Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia-APL facturou 1.148.052 millóns de euros e xeraron 22 postos de traballo directos aos que hai que sumar os trinta alumnos que traballaron no seu Obradoiro de Emprego. O número de contratos con empresas foi de 77, máis dun por semana. "A nivel nacional temos as mellores instalacións e ofrecemos o mellor servizo. Por iso veñen a traballar connosco empresas de Andalucía, Valencia ou Cataluña. Temos a tecnoloxía e a capacidade para investigar e montamos unha estrutura en produtos lácteos sen parangón en España", detalla Juan Méndez Dónega, director do Centro, situado no Recinto Feiral de Lugo.
A implicación do tecido empresarial resulta clave para alcanzar tan elevado nivel de actividade. Dez das principais empresas galegas do sector conforman a maioría do padroado da fundación de carácter privado que dirixe o Centro, no que tamén se integran a Xunta de Galicia, as Universidades de Vigo e de Santiago de Compostela, pero ademais a filosofía do Centro, mesmo cando aínda non tiña esta catalogación, sempre foi a de estar preto das empresas. «Fomos pioneiros na vocación de servizo cara a elas, de aí que a evolución cara a centro tecnolóxico fose natural porque ademais era unha demanda latente», apunta Méndez Dónega.
Esa demanda sostense por un ámbito, o do sector lácteo en Galicia, que ten un volume de negocio próximo aos 1.000 millóns de euros anuais. As solucións que lles poden ofrecer a transferencia de resultados de investigación para desenvolver novos produtos ou melloras os xa existentes resultan vitais para a súa pervivencia. Para iso o Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia precisa crecer, estima o seu responsable. «Se non o facemos poderemos incorporar novas tecnoloxías nin tampouco abrir as novas liñas de negocio que nos demandan», advirte.
Existen claras opcións para conseguir ese crecemento ao que alude Méndez. Unha das claves é a dispoñibilidade de espazo. Para habilitalo, a Universidade de Santiago dispón de dez millóns de euros procedentes de fondos europeos que hai que inverter antes de 2013. Ademais unha eventual fusión co embrionario Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo podería axudar a sumar esforzos. «Estamos pendentes do chan para a construción de novas instalacións, pero hai que actuar pronto e de xeito efectivo. A fusión co CETAL pode axudar sempre que non supoña unha perda da nosa identidade e poidamos desenvolver e mellorar a mesma actividade de servizo ao sector lácteo que vimos realizando durante os últimos vinte anos», comenta Méndez Dónega, que pon como condicionante esencial que se garanta a estabilidade laboral de todas as persoas que traballan no Centro.

PUBLICIDADE