O Centro Demostrador TIC xa acubillou case 60 actividades de presentación

luns, 8 de xullo do 2013 Redacción

O Centro Demostrador TIC, emprazado no CNTG (Conxo, Santiago), cumpriu esta fin de semana os seus dous primeiros anos de vida. E fíxoo facendo reconto do acadado ao longo dese tempo (como espazo de mostras e presentacións da innovación das nosas empresas do ámbito tecnolóxico-dixital) e lembrando que dous anos poden dar para moito. Máis polo miúdo, deron para acubillar un total de 57 actividades nas que participaron case 800 empresas, actividades cun nexo común definitorio: foron basicamente demostracións de tecnoloxías das nosas empresas TIC dirixidas a outras empresas doutros sectores, potencialmente demandantes, usuarias, consumidoras ou distribuidoras.
Segundo sinalan os responsábeis do Centro Demostrador TIC (a axencia AMTEGA), este escaparate está no vieiro de cumprir o obxectivo triplo marcado coa súa posta en marcha. Por unha banda promover o uso das TIC entre as empresas galegas (foron preto de 1.400 os profesionais que acudiron as demostracións e case 800 empresas, das cales o 62% pertencen a sectores non tecnolóxico-dixitais). Por outra banda, contribuíse a xerar negocio TIC local, cun terzo das empresas que fixeron algunha presentación no Centro pechando polo menos un contrato e o 41% delas recibindo peticións de orzamentos. En terceiro lugar, achegouse a oferta tecnolóxica ás necesidades de innovación dos sectores estratéxicos, traballando primeiro na identificación desta oferta a través do Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, o MapaTIC.gal, que a na actualidade abrangue preto de 220 provedores e máis de 530 solucións TIC.
Polo que respecta ás novidades postas en xogo en 2013, os responsábeis do Centro salientan a colaboración entre o CDTIC e a Rede CeMiT, fornecendo “a posibilidade de seguimento a través de videoconferencia das actividades levadas a cabo polo CDTIC para facilitar a participación de autónomos e microPEME de toda Galicia”. Ademais habilitouse a posibilidade de seguir e interactuar cos relatores e participantes nas actividades do CDTIC mediante o uso das redes sociais.
Por actividades postas en marcha en 2013, destacar as Semanas TIC Sectoriais, enmarcadas dentro das accións de sensibilización sobre a aplicación de recursos tecnolóxicos de xestión e promoción aos procesos produtivos da empresas, como por exemplo a I Semana TIC no CDTIC, orientada ao sector téxtil e celebrada no mes de marzo, reunindo a máis de 131 profesionais de ambos os dous sectores (téxtil e TIC). Durante esta semana presentouse o Catálogo ModaTIC.gal (en pdf), unha mostra representativa de 40 empresas e 5 axentes de innovación no ámbito TIC existentes na nosa terra, así como, un conxunto de máis de 70 produtos e servizos tecnolóxicos específicos para o sector téxtil.
Asemade, no mes de abril, preto de 130 persoas asistiron ao Obradoiro de Emprendemento TIC para o inicio de Actividades, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñeiros Técnicos en Informática de Galicia (CPETIG). O obxectivo deste obradoiro era formar a aqueles profesionais que desexen iniciar actividades por conta propia, e para todos eles desenvolveuse unha guía de apoio ao inicio de actividades (en pdf).

PUBLICIDADE