O Centro Demostrador TIC amosa este xoves varios recursos para a xestión e o mantemento de bens empresariais

luns, 23 de xuño do 2014 Redacción

O Centro Demostrador TIC de Santiago dá acubillo esta semana a unha boa oportunidade para achegarnos á realidade e ás vantaxes das ferramentas que serven para termos control total sobre as nosas infraestruturas e bens empresariais. Máis polo miúdo, o centro que xestiona AMTEGA acolle este 26 de xuño a sesión demostradora Mellorar a xestión do mantemento: aumentar a calidade e economizar, que se impartirá de 10.00 a 13.30 horas. Como dixemos, nesta actividade explicaranse os beneficios de implantar un programa informático para a xestión do mantemento dos equipos ou instalacións (GMAO) nunha empresa e presentarase o Linx 7.0.
Este seminario está destinado a para PEME e traballadores autónomos de todos os sectores, así como asociacións e clústeres empresariais. O obxectivo é amosar “como unha ferramenta GMAO pode axudar a mellorar a xestión, os procedementos e a calidade dos produtos ou servizos que as empresas realizan, facéndoas máis competitivas”, informan os organizadores
Impartirán o seminario dous membros da empresa SPI, especializada na implantación de solucións e servizos de infraestrutura TI: Móntse Béjar, responsable da Área de Marketing e Vendas, e Jordi Casals, director comercial Linx 7.0.
Lembrar que Linx é unha ferramenta estándar que serve sobre todo para a xestión, control e optimización de calquera instalación. Atinxe as áreas de activos, recursos humanos (internos e externos), recambios (stocks, pedidos etc.), solicitudes de intervención, estatísticas, etc. Polo tanto, informa a organización do seminario, “permite xestionar completamente un departamento de mantemento; automatizar a planificación do mantemento, mesmo sen coñecementos de informática; incorporar tecnoloxía máis avanzada para facilitar e garantir un proceso sinxelo e fiábel; e a súa versatilidade facilita a xestión de contornos diferentes e a súa adaptación a todas as necesidades”.

PUBLICIDADE