O Centro Demostrador TIC acolle o 2 de xullo a presentación oficial da nova Galicia Open Future

venres, 26 de xuño do 2015 Redacción

O vindeiro xoves día 2 de xullo os responsábeis de Galicia Open Future, a operadora Telefónica e a axencia AMTEGA, presentarán polo miúdo os detalles da segunda edición do programa de aceleración de novas iniciativas tecnolóxicas posto en marcha pola operadora na nosa terra, concretamente na Cidade da Cultura. A presentación do centro galego de crowdworking, como o denomina a propia Telefónica, desenvolverase no Centro Demostrador TIC (Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia) en Santiago e correrá a cargo da directora do programa Galicia Open Future de Telefónica, María del Carmen López e da directora de proxecto en Grupo Barrabés, Paloma Barreiro. Máis información sobre o acto do 2 de xullo dispoñíbel en formato PDF.
Durante a presentación, daranse a coñecer as principais características deste programa, beneficios para os participantes e metodoloxías de traballo, amais de facerse unha exposición dos casos de éxito da primeira edición da aceleradora. Asemade, lembrarase aos presentes que a segunda edición do programa dará comezo o vindeiro mes de setembro e que arestora atópase en fase de captación e selección dos 50 proxectos participantes. Galicia Open Future achega a estes proxectos a posibilidade de evolucionar a súa idea co obxectivo de impulsar a xeración de riqueza e o emprego en Galicia.
Lembrar que as empresas e profesionais interesados en formar parte da aceleradora poden presentar as súas candidaturas até o 15 de xullo, cumprimentando o formulario de inscrición habilitado na web galicia.openfuture.org. No mes de agosto, e unha vez rematada a preselección inicial, daranse a coñecer os nomes dos 50 proxectos elixidos para formar parte desta segunda convocatoria.
O programa, no que Telefónica inviste anualmente preto dun millón de euros, ten unha duración inicial de seis meses -prorrogábeis en períodos de 3 meses-, durante a cal os emprendedores reciben formación e adestramento especializado, adaptado ás súas diferentes fases de maduración (idea, semente, prototipo, piloto ou lanzamento) e relacionado co seu modelo de negocio.
A través do Programa de Incentivos da Xunta, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) achega unha axuda de 2.000 euros a cada un dos proxectos seleccionados, e a través da plataforma web openfuture.org, poden entrar en contacto tamén con emprendedores de todo o mundo involucrados no programa de innovación aberta Open Future de Telefónica (no que se integra Galicia Open Future). O obxectivo desta plataforma, informan a operadora e AMTEGA, “é conectar a emprendedores, startups, investidores e organizacións públicas e privadas a nivel mundial”.

PUBLICIDADE