O Carballo Interplay premiará con 1.500 euros ao mellor proxecto de webserie en galego

xoves, 25 de febreiro do 2016 Redacción

A III Edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay (CIP), que se celebrará os días 5, 6 e 7 de maio, ofrecerá un novo premio, de 1.500 euros, para o mellor proxecto de webserie en galego para "fomentar a creación dixital innovadora, en lingua galega e para o mundo", segundo comentou Sonia Méndez, directora do certame na presentación que se celebrou esta mañá, e na que tamén estiveron presentes o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira.
O novo galardón, que se resolverá cun pitching en directo durante o festival e cuxa dotación deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da webserie premiada, súmase aos xa existentes: mellor webserie de imaxe real, mellor webserie de animación, mellor webserie internacional e mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría, e a escolla do público, con 400 euros e trofeo. Ademais, haberá trofeos para a mellor actriz, o mellor actor e un premio AGAG ao mellor guión. En suma, O III Carballo Interplay repartirá máis de 5.000 euros en premios. As persoas que queiran participar poden facelo dende hoxe mesmo até o 27 de marzo a través da súa páxina web.
O CIP, que acadou nas dúas pasadas edicións unha grande repercusión a nivel nacional e internacional, situou Carballo como unha referencia para o público e para os profesionais do sector da creatividade dixital, ao converterse no primeiro concello de España que contou cun festival de webseries e de novos formatos narrativos. A organización está actualmente pechando o programa de actividades da terceira edición do certame, do que Méndez adiantou que "apostaremos non só polas webseries, senón por todos os contidos dixitais: creación de contidos específicos para a rede e novas maneiras de difusión cultural a través da Rede".
O Concello e a organización do evento completan a oferta cun ciclo formativo que se desenvolve nos meses previos, o FormaCIP, que nesta edición amplía a súa oferta tamén á xente miúda. Novas narrativas, marketing dixital, novas tecnoloxías, produción e financiación audiovisual, dirección de actores, robótica para nenos e nenas, Lego Mindstorms, Arduino, paleta gráfica codeco ou emoticonas analóxicas son algúns dos coñecementos que adultos, estudantes, nenos e nenas poderán adquirir no ciclo formativo do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, FormaCIP, dende o vindeiro 12 de marzo ata a mesma fin de semana do Festival.

PUBLICIDADE