O Caney de Santiago renova web e habilita un blog gastronómico de receitas e novidades

luns, 7 de abril do 2014 Redacción

O restaurante Caney de Santiago presentou a semana pasada os novos contidos e deseño da súa páxina web restaurantecaney.com. O resultado desta actualización, sinalaron os responsábeis do establecemento, é un espazo máis visual e harmónico, moi baseado nas imaxes e nunha fórmula, a da simplicidade na exposición, que é tamén aplicábel aos produtos e pratos que se ofrecen e promocionan. Isto complétase, de cara ao usuario, “cunha navegación moi intuitiva” onde se estreita ao máximo a marxe da posibilidade de extravío.
Na páxina web pódense ver as cartas, os últimos menús e as promocións gastronómicas que ofrece o restaurante. Porén, a principal novidade, segundo informan os responsábeis do restaurante, é a posta en marcha do Blog de cociña, onde os usuarios poderán ver “novas receitas e curiosidades gastronómicas, ademais de descubrir as mellores sobremesas e os cócteles máis novos”. O caderno en cuestión converterase nunha das principais ferramentas do Caney para aproximarse aos seus clientes, reais e potenciais. Amais da web e do blog, o restaurante amplía repercusión na Rede cos sitios de seu no Facebook, Twitter e Pinterest, onde asenta a súa presenza con máis contidos e imaxes. Asemade, manterase un boletín electrónico que recollerá as últimas propostas e novidades deste local gastronómico compostelán.

PUBLICIDADE