O Campus de Pontevedra remata maio cun simposio internacional sobre os cómics na era dixital

venres, 27 de maio do 2022 S. P.

O Campus de Pontevedra vai acoller un evento internacional no que expertos europeos e xaponeses afondarán a evolución do cómic na sociedade dixital. O simposio Manga in a postdigital environment celebrase os días 30 e 31 na sede da Vicerreitoría.
O obxectivo concreto da cita será “analizar, poñendo o foco no manga, no cómic xaponés, as transformacións formais, estéticas e narrativas que as tecnoloxías dixitais teñen producido neste medio”. Esta é tamén a finalidade do proxecto de investigación Estudos transdisciplinares sobre cómic, que o grupo dx5 (digital & graphic art research) da Facultade de Belas Artes desenvolve co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación. O simposio é, de feito, a sexa edición do Foro Internacional de Creación na Fronteira do grupo dx5.
Como explica o seu investigador principal, José Andrés Santiago, o encontro internacional da semana vindeira constitúe o “evento de peche” dun proxecto que buscaba dar resposta á seguinte pregunta: “Que significa falar de manga neste mundo postdixital?”.
Máis polo miúdo, a investigación pon o foco nas transformacións vividas polo “manga como medio nunha era completamente dixital”.
Coa participación como conferenciantes de varios dos expertos e expertas que integran o equipo de traballo do proxecto, este foro internacional desenvolverase o luns 30 e o martes 31 na sede da Vicerreitoría nun “formato híbrido”, que combina as modalidades presencial e virtual. Por unha banda, porque catro dos relatores intervirán a través de videoconferencia e, por outra, porque este foro aberto ao público poderá seguirse a través destas dúas vías. En ambos casos, explica Santiago, será precisa inscrición previa a través do correo grupodx5@uvigo.es.
Doce conferencias, a cargo de investigadores e investigadoras de seis países, integran o programa dun simposio que será inaugurado polo vicerreitor do campus en funcións, Jorge Soto, e a directora do grupo dx5, Ana Soler.
A primeira xornada abrirase co relatorio que Santiago e a tamén investigadora do grupo dx5 e responsábel da xestión do simposio, Tatiana Lameiro, centrarán “no uso das tipografías no manga contemporáneo”. A continuación, Lukas R. A. Wilde, da universidade alemá de Tubinga falará da narrativa, mentres que o investigador da Beykoz University turca Selen Çaliz Bedir porá en relación o manga e a realidade virtual. Tamén nesta xornada, Olga Kopylova, da universidade xaponesa de Tohoku, centrará a súa intervención nos modos de publicación destes cómics e Miho Taekuchi, da Seisa Dohto University, porá o foco en como os dispositivos dixitais facilitaron que os autores amateurs puidesen dar a coñecer os seus proxectos.
A continuación, a investigadora Dalma Kálovics, do museo do manga Yakote Masuda, analizará como os formatos e deseños estandarizados do cómic xaponés trasladáronse ao ámbito dixital, mentres que Jaquelne Berndt, da Universidade de Estocolmo, proporá na súa conferencia “revisitar os proxenitores do manga desde unha perspectiva postdixital”. Por último, esta primeira xornada pecharase cun relatorio da investigadora da Kyoto Seika University Bon Won Koo sobre “a adaptación do manga ao formato webtoon”.
Xa o martes, Per Israelson, da universidade sueca de Linköping, abordará este medio desde unha perspectiva “poshumansita”, mentres que Stevie Suan, da Hosei University, centrarase na “transnacionalidade” da animación xaponesa. Por último, Nicolle Lamerichs, da Universidade de Ciencias Aplicadas de Ultrecht, abordará o impacto que o desenvolvemento dixital tivo na distribución do manga, e Zoltan Kacsuk dará a coñecer o proxecto de estudo sobre manga e anime a partir de metadatos que levan a cabo na Stuttgart Media University.

PUBLICIDADE