O Campus de Pontevedra recomeza a súa campaña de recollida de refugallos RAEE

martes, 9 de maio do 2017 Redacción

O Campus de Pontevedra vén de recuncar coa súa campaña de recollida de aparellos electrónicos e informáticos con vistas ao achado de segundas e terceiras vidas (ou, nos casos onde sexa imposíbel atopalas, con vistas a unha axeitada reciclaxe). Detrás da iniciativa está a Vicerreitoría do Campus, que, no marco do proxecto Green Campus, impulsou a cuarta edición da Semana de Recollida de RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos). Segundo informa a Vicerreitoría, até este venres 12, as facultades e escolas do campus pontevedrés, así como a Casa das Campás, o Pavillón Universitario e a Escola Infantil contan con puntos nos que depositar estes refugallos, que posteriormente serán recollidos pola Oficina de Medio Ambiente da Universidade para proceder ao seu tratamento por parte dun xestor autorizado.
O obxectivo desta iniciativa, explica o director da Área de Planificación do campus, Celso Cancela, “é convidar á comunidade universitaria a pensar uns segundos neses aparellos dos que estamos rodeados, que ás veces pasan inadvertidos, e que teñen algún tipo de materiais ou substancias polos que deben ser tratados, desde uns simples auriculares a un teléfono móbil”. A campaña está aberta á participación de toda a comunidade universitaria, así como aquelas persoas que queiran tamén achegarse polo campus a depositar algúns destes obxectos.
Inserida no plano de acción do proxecto Green Campus, que levou a Pontevedra a ser o primeiro Campus de España en obter a bandeira verde que outorga a FEE (Foundation for Environmental Education) polo seu labor en materia de educación e xestión ambiental, as tres edicións anteriores desta iniciativa posibilitaron xa a recollida de varios centos de dispositivos. Concretamente, a anterior edición, levada a cabo no mes de xaneiro, permitiu reunir un total de 136 aparellos, desde cargadores, teléfonos móbiles e impresoras, ata microondas, aspiradores ou mesmo un tocadiscos.

PUBLICIDADE