O Campus de Pontevedra impulsa un ciclo de obradoiros para crear especialistas na creación e difusión de contidos
martes, 16 de marzo do 2021
- O profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán
O
Campus de Pontevedra e as empresas E-goi e Dinahosting van achegar os
días vindeiros un ciclo de obradoiros e conferencias virtuais para
estimular, dende o alumnado e a comunidade docente e investigadora, a
creación e a difusión de contidos na Rede. Trátase
do ciclo Publi&Webinars, que se vai desenvolver a través
de Campus Remoto entre os meses de abril e maio. Abordaranse
cuestións relacionadas coa creación de espazos web e contidos
multimedia e máis a difusión e promoción dos mesmos.
Organizado
polo profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez
Rolán, coa colaboración da Facultade de Ciencias Sociais e da
Comunicación, o Consello Social da Universidade de Vigo e as
empresas E-goi e Dinahosting, este ciclo de actividades virtuais,
abertas tamén ao público en xeral, teñen como obxectivo “completar
a formación do alumnado”, a través das achegas dunha serie de
profesionais, varios deles formados na propia facultade.
Como
explica Rolán, este ciclo, integrado por seis conferencias e
talleres, nace co obxectivo de complementar os contidos de dúas
materias, Produción publicitaria na web e multimedia e
Proxectos interactivos en novos medios: web, dos graos en
Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual,
respectivamente.
Os
Publi&Webinars arrincarán o vindeiro venres 26 co
relatorio Social ads en Facebook e Instagram, a cargo do
egresado da facultade e xestor de proxectos na empresa Elogia Adrián
Aira, quen afondará en como a “microsegmentación” que implican
as redes sociais fai posíbel que os profesionais da publicidade
poidan “crear campañas específicas”.
O 9
de abril, o ciclo continuará cun coloquio con María Xosé Saborido,
responsábel de formación en Dinahosting, empresa que colabora con
esta actividade proporcionando de xeito gratuíto o aloxamento aos
espazos web que o alumnado ten que desenvolver no marco da súa
materia. Esta conferencia estará centrada en abordar “como se
xestiona a atención ao cliente desde o punto de vista dos negocios
web, que é tamén unha parte fundamental da comunicación dixital
das empresas”.
O 13
de abril o consultor e experto en posicionamento de espazos web en
buscadores, Wajari Velásquez, impartirá un relatorio titulado
Claves SEO en 2021, no que achegará recursos para lograr un
mellor emprazamento das páxinas creadas co xestor de código aberto
WordPress.
Esa
mesma semana, o venres 16, a participación de dous egresados da
facultade, Ana Lage e Anxo Rey, permitirá que o ciclo se deteña na
creación de podcasts, poñendo o foco en como estes titulados
“converteron unha afección, que era ver series” no programa
Rayos & Retruécanos.
O
ciclo continuará o 27 de abril cun taller centrado en “como crear
unha tenda online”, que será impartido polo consultor web
Anxo Sánchez e que estará dedicado a Woocommerce, unha ferramenta
de comercio electrónico para o xestor de contidos WordPress.
Por
último, o ciclo pecharase o 7 de maio co coloquio E-mail
márketing: buenas prácticas integradas en una estrategia
multicanal, a cargo de Daniel Alves, responsábel de formación
da emprega portuguesa E-goi.