O Campus de Pontevedra acollerá un hackathon para incorporar contidos ao Galizionario

venres, 2 de novembro do 2018 Redacción

O Galizionario, como iniciativa colaborativa que é, xurdida ao abeiro dos novos xeitos de traballar en rede, precisa de nós para ampliar fondo e radio de acción. En base a isto, dende o Campus de Pontevedra (Universidade de Vigo) veñen de convocar o que sería o primeiro maratón colectivo dirixido a incorporar contidos á plataforma. A cita será o 16 de novembro, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Para quen non o saiba, o Galizionario foi posto en marcha en 2004 e é a versión galega do dicionario Wiktionary, acubillo de coñecemento construído coas contribucións das usuarias e usuarios. O Galizionario ten a día de hoxe máis de 53.000 entradas. O obxectivo é facelas medrar tanto como sexa posíbel.
A cita de Pontevedra, a Emlex Wiktionary Hackfest, estará aberta á participación de calquera persoa interesada, aínda que o groso das colaboraras e colaboradores prevese que sexan estudantes das nosas universidades e do norte de Portugal. A quedada está a ser coordinada polo profesor da dita facultade Carlos Valcárcel e insírese nas actividades do mestrado europeo en lexicografía Emlex. Tamén se conta co apoio da Vicerreitoría do Campus.
A xornada abrirase cos relatorios de Adrián Estévez, un dos administradores do Galizionario, e de Eneko López, co-responsábel da edición en éuscaro do Wiktionary e colaborador tamén da edición en castelán. “Serán unhas charlas moi prácticas, o que queremos é que nos expliquen que hai que facer para editar e que é preciso ter en conta para que a xente poida comezar a andar, porque a idea é que estean todo o día editando xuntos”, sinala Vacárcel dunha actividade que, tras estes coloquios e a organización dos grupos de traballo, terá como eixo a incorporación de novos contidos ao Galizionario, para pecharse cunha sesión de posta en común do traballo de cada grupo.
Co fin de impulsar o traballo conxunto e colaborativo, o comité organizador do evento (do que tamén forman parte Adrián Estévez e as docentes María José Domínguez, da USC, e Idalete María Silva, da Universidade de Minho), achegará a este hackathon unha serie de propostas para o traballo da edición, que abranguen desde a introdución de léxico ligado á época do ano presente (o outono) á incorporación de traducións a outros idiomas neste dicionario multilingüe.
A participación tamén está aberta a aquelas persoas que non poidan vir a Pontevedra pero que queiran sumarse editando desde as súas casas.

PUBLICIDADE