O Campus de Pontevedra acolle varios cursos de carácter tecnolóxico

mércores, 3 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

A Casa das Campás acolle varios dos cursos para os que mañá se abre a súa inscrición

Mañá ábrese o prazo de matrícula a varios cursos de formación que completan a oferta de obradoiros de Extensión Universitaria que se desenvolven na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás e na Aula de Informática da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, e que abordan distintos ámbitos tecnolóxicos como a dixitalización de negocios, a protección de datos, o marketing dixital ou a creación de videoxogos, sendo todas actividades de balde, pero cun límite de 20 prazas por curso (que cubriranse por orde de inscrición).

O vindeiro día 16 comezará na Casa de Campás o curso Dixitalización de Negocio para PEME e ONG, no que Josefa Piñeiro Castro, community manager e desenvolvedora web, instruirá ao alumnado de coñecementos, destrezas e capacidades para ampliar un negocio ou actividades sen ánimo de lucro, mediante a dixitalización da actividade no contorno da Internet, empregando ferramentas e recursos de balde.

No mesmo enclave, o día 18 iniciará o curso As redes sociais e a protección de datos de carácter persoal, no que os profesores Beatriz Blanco Sueiro, Gregorio Andión López e Miguel Abal González, coa colaboración de José Luís Piñar e Vassileios Karagriorgos, analizarán e profundarán no coñecemento da estrutura das principais redes sociais existentes e avaliarán os riscos que leva adscritos. Estudarán o rol das redes sociais na educación e tamén analizarán a normativa vixente en protección de datos, as ferramentas e o alcance dos usuarios e outros recursos para previr os distintos riscos que poidan derivar dun mal uso.

Cristina Costa Acha será unha das responsables en instruír sobre marketing dixital

Tamén o día 18, pero desta volta na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, principiará o curso Incrementa a túa visibilidade online, contando con María Sáez Fernández e Cristina Costa Acha no apartado docente, e que busca que os alumnos adquiran as nocións necesarias para deseñar unha estratexia de marketing dixital coa finalidade de incrementar a presenza, visibilidade e posicionamento en liña, identificar as diferentes ferramentas de marketing en liña e saber como crear e distribuír contidos relevantes.

O último destes cursos tecnolóxicos sería o de Programación de xogos indies na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que botará a andar o día 23, pretenderá achegar conceptos básicos do deseño de xogo, instruír na creación de personaxes, contornos, gráficos, ilustracións... e incluso introducirá na programación, de xeito que os alumnos poderán chegas a crear un videoxogo de seu valéndose da ferramenta GameMaker. Este curso será impartido por Beatriz Legerén, Iria Carballo e Adrián Santasmarinas.

PUBLICIDADE