O Campus de Pontevedra acolle un ciclo de conferencias sobre a fenda de xénero na comunicación dixital

mércores, 20 de setembro do 2023 S. P.

Loitar contra o teito de cristal da comunicación en materia de xénero. Este é un dos obxectivos das conferencias A fenda de xénero dixital: construíndo a Internet e as relacións sociais dende o empoderamento feminino, que entre os meses de setembro e novembro desenvolverase na Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra. Haberá relatorios sobre os nesgos de xénero da Intelixencia Artificial, os estereotipos e desigualdades que poden atoparse na comunicación dixital ou un obradoiro de memes feministas, entre outros contidos.
As conferencias contan con patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e son promovidas polo grupo de innovación docente Academ-IA (Intelixencias Artificiais en Educación). Así mesmo, esta semana arranca tamén o III Seminario de Alfabetización contra a Desinformación, promovido polo grupo de innovación docente Dixitais, tamén da Facultade de Comunicación.
Coordinadas polo profesor Xabier Martínez Rolán, estas xornadas formativas vincúlanse coa docencia de diferentes materias dos graos en Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas, así como do mestrado (master) en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais.
Abertas ao público ata completar a capacidade da sala, estas conferencias buscan tamén promover unha reflexión entre os futuros e futuras profesionais respecto dese “teito de cristal” existente no sector da comunicación e en como este se amplía cando “introducimos a variable tecnolóxica, por exemplo, no relativo ao deseño web e o desenvolvemento de aplicacións móbiles”. A través das achegas de expertas e profesionais, o ciclo busca tamén pór o foco “en como a tecnoloxía pode usarse para apoiar os dereitos e o apoderamento das mulleres”, así como proporcionar “recursos para combater a desigualdade entre homes e mulleres no que se refire ao acceso e o uso da tecnoloxía”.
O ciclo arranca este mércores 20 coa conferencia Intelixencias artificiais xerativas e nesgos de xénero, a cargo da investigadora da Universidade da Coruña (UDC) Laura Castro, que permitirá pór o foco en como o "adestramento" das intelixencias artificiais fai que se trasladen a estas estereotipos e nesgos que poden facer, por exemplo, que poidan dar unha resposta diferente a unha mesma pregunta se quen a efectúa é home ou muller, como apunta Martínez Rolán.
Outras actividades poñen o foco en “”aspectos directamente ligados co deseño e a creatividade dixital”, como o relatorio Visibilidade e empoderamento: feminismo na creatividade dixital, que o 10 de outubro impartirán Alba Pato e María Juanatey, fundadoras de Bululú Creativos. O día 18 de outubro será a quen do Obradoiro de memes feministas, a cargo da responsable da axencia Trend, Xiana Vidal, unha actividade que busca pór o foco en como a “extrema simplificación” que implican estes elementos, non só “axuda a transmitir estereotipos”, senón tamén a combatelos.
O ciclo continúa o 24 de outubro co taller Deseño web dende unha ollada feminista, a cargo de Sabela Muñiz, unha das organizadoras da WordCamp Pontevedra que esta fin de semana acollía a Facultade de Comunicación.
Dous días despois, o 26 de outubro, a xefa do Servizo de Comunicación Institucional da Deputación de Pontevedra, Rebeca Domínguez, impartirá a conferencia Protocolo e xénero: rompendo estereotipos e construíndo igualdade, e a actividade pecharase o 15 de novembro cunha reflexión sobre As disfuncións da comunicación dixital, a cargo de Teresa Piñeiro, directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da UDC.
Promovido polo grupo de innovación docente Dixitais, tamén da Facultade de Comunicación, esta semana arranca tamén a terceira edición do Seminario de Alfabetización contra Desinformación, un ciclo de conferencias en liña, completadas con materiais adicionais, no que tres especialistas neste ámbito promoverán un reflexión sobre “os distintos aspectos que interveñen no fenómeno da desinformación e sobre os principais mecanismos para loitar contra ela”, como apuntan os coordinadores desta actividade, os investigadores Mabel Míguez, Alberto Dafonte e Javier Abuín.
Con inscrición previa e inserido nas actividades de formación do profesorado da Escola Aberta de Formación Permanente, trátase dun ciclo aberto a toda a cidadanía e orientado a un público non especializado, coa idea de que “poida comprender mellor as implicacións desta problemática e coñecer as ferramentas que ten ao seu alcance para facerlle fronte”.
Impartido a través de Campus Remoto, a actividade ábrese este martes 19, ás 17.30 horas, coa conferencia Los jóvenes ante la desinformación, da investigadora da Universidad de Navarra Charo Sádaba. Á semana seguinte, o martes 26, o profesor da Universidad Carlos III ofrecerá o relatorio El método científico como herramienta contra la desinformación, pechándose a actividade o 3 de outubro coa conferencia Algoritmos, periodismo y desinformación, de Berta García, da USC.

PUBLICIDADE