O Campus de Ourense recibe 231.200 euros para accións culturais e de investigación

venres, 1 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

José Luis Baltar e Salustiano Mato na sinatura dos acordos

A Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense veñen de renovar os seus acordos en materia de innovación tecnolóxica e cultural. O obxectivo de ámbalas entidades é procurar alternativas á tendencia xeral que se impón en tempos de crise: a de reducir os apoios á cultura e á investigación en beneficio doutros eidos de eficacia teoricamente máis directa e inmediata. O acordo asinado onte, que ascende a 231.000 euros, vaille permitir ao Campus de Ourense levar a cabo unha extensa programación cultural, ao tempo que afondará na súa aposta a prol da mobilidade dos estudantes e dos traballos en investigación. Na sinatura participaron o reitor Salustiano Mato e máis o presidente da Deputación, José Luis Baltar.
Xa nun plano máis concreto, o convenio abrangue o financiamento de actividades de extensión universitaria, cursos de verán, conferencias, relatorios, seminarios, obradoiros e exposicións, roteiros culturais, actividades teatrais e demais accións culturais que organiza o campus de Ourense.
Ademais, o convenio financiará o programa de apoio á mobilidade estudantil para o alumnado do campus de Ourense integrado no programa ERASMUS e o programa específico de apoio a grupos de investigación do campus de Ourense (InOu 2010-2011).

PUBLICIDADE