O Campus de Ourense achega un ciclo de conferencias sobre informática de vangarda

martes, 25 de maio do 2021 S. P.

Co obxectivo de contribuír a unha formación tecnolóxica continua, actualizada e focalizada nas ferramentas e servizos de meirande proxección nestes tempos de progresiva recuperación da normalidade, a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) acolle, a través do Campus Remoto da UVigo, a celebración dun ciclo de conferencias en aberto para estudantes, profesionais e, en xeral, persoas interesadas. Vén da man da sección de informática en España do Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) coa colaboración da citada escola do Campus de Ourense.
A idea deste ciclo de conferencias “é dar a coñecer as últimas tecnoloxías que se están aplicando en informática en España”, tal e como explica Manuel Pérez Cota, catedrático da Universidade Vigo en Linguaxes e Sistemas Informáticos e vicepresidente da entidade organizadora, o IEEE-Computer Section (Spain Section Chapter, C16). Cunha sesión mensual exceptuando o período estival, este ciclo pretende abordar, nalgúns casos cunha perspectiva máis divulgativa e noutros casos cunha perspectiva máis técnica, “temas que están moi ao día no eido da informática”, engade Pérez Cota.
As conferencias están abertas ás persoas interesadas en cada un dos temas abordados, aínda que están especialmente pensadas para membros das entidades organizadoras e alumnado de diferentes titulacións da Universidade de Vigo, como poden ser estudantes das escolas de Enxeñaría Informática, Minas e Enerxía eTelecomunicación, segundo a temática de cada caso.
Este luns 24 de maio, ás 18.30 h, celebrouse unha destas conferencias, titulada Informática aplicada á seguridade e control de explosivos, ofrecida por Jesús Salvador Cano Carrillo. Enxeñeiro superior en Informática, Mestrado en Redes e Comunicacións e doutor enxeñeiro industrial, este experto leva máis de 20 anos traballando en tecnoloxías da información e é capitán da Garda Civil cunha ampla experiencia en xestión de sistemas de seguridade e control de explosivos. Actualmente é o xefe de Informática do Tribunal Constitucional e o presidente de IEEE-Computer Society no seu Capítulo Español, entre outros méritos.
A sesión deste luns será a segunda que se realice, xa que o ciclo arrancou o pasado 26 de abril cunha conferencia titulada Informática industrial, retos futuros, ofrecida polo profesor doutor Miguel Ramón González-Castro. Enxeñeiro en Informática pola UNED e enxeñeiro en Telecomunicacións pola Universidade de Vigo, este experto é responsábel de Informática Industrial en ENCE e profesor asociado do Departamento de Informática da Uvigo e na súa intervención abordou a óptica da industria sobre temas como a ciberseguridade, o almacenamento de grandes volumes de datos, a virtualización, a Internet das Cousas aplicado ao eido industrial ou a robótica. As seguintes conferencias previstas neste ciclo van a centrarse en temas como a ciberseguridade, o deseño de software complexo con novos tipos de ferramentas e a educación en informática.

PUBLICIDADE