O Campus de Ferrol mostra como financiar propostas de videoxogos

xoves, 15 de novembro do 2018 Redacción

A semana académica e divulgadora do Campus de Ferrol vai rematar cunha interesante ollada a todos os recursos actuais dos que podemos botar man, en maior ou menor medida innovadores, para converter en realidade a nosa idea de lecer dixital. Estamos a falar do obradoiro Xénese e Financiamento de Proxectos de Videoxogos, impartido polo coordinador da Área de Industria da Federación Española de Videoxogos e eSports (FEVeS), Gilberto Sánchez García. A cita será no salón de graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol, este venres, a partir das 18:00 horas.
A actividade, organizada polo Campus Industrial da Universidade da Coruña, está dirixida ao alumnado do Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica Superior do Campus de Ferrol e á comunidade de estudantes das facultades de Ciencias da Comunicación e Informática do Campus da Coruña. Con todo, segundo confirman os organizadores, poderá participar tamén calquera outra persoa interesada na temática ou vencellada ao sector.

PUBLICIDADE