O Campus de Ferrol acubillará en xullo un obradoiro de robots e videoxogos para rapaces de 16 anos

mércores, 3 de xuño do 2015 Redacción


O Campus de Ferrol (Universidade de Coruña) vai acoller un obradoiro de programación de robots e videoxogos. A actividade, dirixida a mozas e mozos, celébrase baixo a metodoloxía de “aprender xogando”, tal e como fai saber o profesor da Escola Politécnica Superior Francisco Bellas, impulsor deste obradoiro encamiñado a rapaces de 16 anos. O obxectivo, sinala, é favorecer que coñezan “o que hai detrás dalgúns dos seus xogos preferidos como Lego e Minecraft”. A iniciativa desenvólvese os días 13 e 24 de xullo no Campus de Ferrol. Toda a documentación, dispoñíbel en formato pdf.
Os contidos básicos do obradoiro son os seguintes: programación en Scratch e Minecraft, robótica con Lego Mindstorms e mOway, iniciación á enxeñaría con Lego Wedo e Arduino e “algunha outra sorpresa”, engaden os organizadores.
Como dixemos, o principal obxectivo deste taller estival é que os nosos adolescentes aprendan de forma lúdica, “fomentando valores como o traballo en equipo e a creatividade así como a resolución de problemas”. A maiores, búscase achegarlles recursos para expoñer as súas ideas en público.
Poderán participar nesta iniciativa todos os interesados, sexan ou non da comunidade universitaria, que se inscriban entre o 4 e o 24 de xuño. O obradoiro celebrarase no Edifico de Talleres Tecnolóxicos do Campus de Ferrol de 9:00 a 14:00 horas.
Esta iniciativa, organizada pola Fundación Universidade da Coruña, conta coa colaboración das empresas Gehon Consulting e Tech Academy for Kids and Teens.

PUBLICIDADE