O Campus de Ferrol acollerá en verán un campamento tecnolóxico para a rapazada
mércores, 27 de abril do 2022
O
Campus
Industrial de Ferrol acollerá en verán o campamento tecnolóxico
SuperHero STEM Camp, unha iniciativa de formación, divulgación
e lecer dirixida á rapazada de entre 6 e 16 anos que organiza, por
primeira vez, o propio Campus Industrial de Ferrol en colaboración
con Play Code Academy. Desenvolverase entre os meses de xuño e
xullo, A oferta lúdico formativa deste campamento inclúe
obradoiros sobre drons, domótica, IoT (Internet of Things),
robótica, programación de aplicacións móbiles, desenvolvemento de
videoxogos ou impresión 3D.
Segundo
informou a UDC, a rapazada que participe no campamento traballará
man a man cos superheroes de Play Code Academy para cumprir unha
importante misión: defender o planeta Terra. O obxectivo deste
campamento tecnolóxico é o “de promover entre os participantes o
desenvolvemento de habilidades relacionadas coa linguaxe da
programación e as novas tecnoloxías”.
Os
obradoiros desenvolveranse entre o 27 de xuño e o 1 de xullo e entre
o 4 e o 8 de xullo, de luns a venres, en horario de 09.00 a 14:00
horas. Existe a posibilidade de participar na modalidade
Madrugadores, de 08:00 a 15:00 horas, na que se inclúe, a
maiores, un servizo de comedor. A tarifa xeral é de 119 euros por
semana completa. O prezo para os integrantes da comunidade
universitaria é de 99 euros. Play Code Academy ofrece descontos para
o segundo neno ou nena inscrito pertencente á mesma unidade
familiar.
Máis
información e reservas na
web da Play Code Academy.