O Campus de Ferrol acolle unha xornada sobre transformación dixital

xoves, 20 de abril do 2023 S. P.

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle este venres 28 de abril, a partires das 9:30 horas, a xornada Transformación dixital: experiencias nos sectores público e privado que organizan a Facultade de Humanidades e Documentación e o Campus Industrial de Ferrol.
A Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, inaugurará o evento acompañada da decana da Facultade, Manuela del Pilar Santos.
En palabras do Campus, a xornada preséntase como “unha oportunidade única para coñecer máis polo miúdo a profesionais documentalistas que traballan en distintos sectores da industria potenciando deste xeito o Grao en Xestión da Información e a Documentación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do campus ferrolán”.
O programa da xornada inclúe dúas mesas redondas. Na primeira delas, moderada pola decana da Facultade de Humanidades e Documentación participarán Clara Santos, documentalista de Airbus, Daniel López, documentalista de Mediaset e Eva Sarto, documentalista de Médicos do Mundo. Na segunda das mesas, moderada polo vicedecano da Facultade de Humanidades e Documentación e coordinador do grao en Xestión da Información e da Documentación, Miguel Rodríguez Luaces, participarán Angel Arcay, director da Biblioteca, Arquivo e Museo das Mariñas (Betanzos), Carlos Alonso, director do Arquivo da Diócesis Mondoñedo-Ferrol, Mercedes Lanza, documentalista do SERGAS e Fernando Lago, director de enxeñería e innovación de Navantia.
Pecharán a xornada a directora do Campus Industrial, Ana Ares e a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela del Pilar Santos.
A xornada está dirixida a institutos e centros de formación profesional, á comunidade universitaria e ao público en xeral. Tamén poderá seguirse por streaming a través doas seguintes ligazóns: unha para a inauguración e mesa redonda primeira e outra para a segunda das mesas redondas e máis a clausura.
As inscricións cómpre facelas en liña.

PUBLICIDADE