O Campus de Ferrol acolle unha nova edición das Xornadas de Filosofía e Metodoloxía da Ciencia dedicadas á Internet

mércores, 9 de marzo do 2022 S. P.

O profesor Wenceslao J. González

Será mañá, xoves 10 de marzo ás 9:45h, cando dea comezo a XXVII edición das Xornadas de Filosofía e Metodoloxía Actual da Ciencia dedicadas ás Ciencias da Comunicación e á Internet que terá lugar no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol.
Ao dito acto de inauguración asistirá o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, xunto á directora do Campus Industrial, Ana Ares, e o coordinador das xornadas, o profesor da Facultade de Humanidades e Documentación, Wencesalo J. González.
As Xornadas sobre Ciencias da Comunicación e Internet: Linguaxe e novas formas de pensar, que terán lugar este 10 e 11 de marzo, acollerán a investigadores de prestixio internacional que analizarán as relacións entre as ciencias da comunicación e a Internet dende a perspectiva das innovacións introducidas na linguaxe e das novas formas de pensar que fomentou a Internet a través do auxe das redes sociais. Algúns dos relatores que estarán presentes no Campus Industrial de Ferrol serán investigadores de fenómenos comunicativos na Rede de Redes, filósofos e tecnólogos centrados no estudo da Internet como soporte para novos usos da linguaxe, incluíndo as fake news, e como base para novos xeitos de pensar. Salienta a presenza de Robert Picard (Universidade de Oxford) xunto con Des Freedman (Universidade de Londres), Anders Henten (Universidade de Aalborg), Carolina Moreno e Jesús Alcolea (Universidade de Valencia).
As xornadas están organizadas polo Centro de Investigación de Filosofía da Ciencia e a Tecnoloxía (CIFCYT) da Universidade da Coruña en colaboración coa Sociedade de Lóxica, Metodoloxía e Filosofía da Ciencia en España.

PUBLICIDADE