O Camiño dos Faros achega xa treitos virtuais grazas a Google Street View

mércores, 30 de marzo do 2016 Redacción

A iniciativa O Camiño dos Faros, da que falamos en 2014 para dar conta do seu espallamento na Rede, segue a abrir novos camiños no plano virtual, complementarios aos que xa leva trazados (e reivindicado) na vertente real. Cómpre lembrar que O Camiño dos Faros é unha iniciativa que, a xeito de rede social, convoca sendeiristas e camiñantes de toda a nosa contorna para percorrer (de maneira colaborativa e colectiva) e pór en valor os vieiros do noso litoral (a columna vertebral, a Costa da Morte), sendo os diferentes treitos a percorrer as distancias entre un faro e outro. Segundo puidemos saber, os integrantes da comunidade de camiñantes xa poden percorrer virtualmente os 200 quilómetros que median entre Malpica e Fisterra grazas ao Google Street View.
Isto será posíbel porque o buscador cedeu a tecnoloxía necesaria para que os trasn@s (os membros da dita comunidade) percorresen o dito itinerario e o mapeasen debidamente. A cesión, segundo nos contan dende Que pasa na costa, tivo a súa orixe no acordo asinado o pasado mes de outubro entre Google e a asociación O Camiño dos Faros. Google tamén puxo a disposición dos camiñantes o equipo Trekker para a captura as imaxes de O Camino dos Faros. O Trekker, como recordaremos, é unha mochila-trebello equipada con cámara que rexistra imaxes en 360 graos, de xeito que pode chegar a onde non sería posíbel introducir os vehículos que toman decote as imaxes de Google Street View. Segundo se informa, a experiencia de Google en O Camiño dos Faros é o primeiro proxecto de Trekker Loan en Galicia (e a primeira vez que unha asociación accede a unha cesión desta tecnoloxía).

A comunidade

O Camiño dos Faros é unha iniciativa de mobilidade e reivindicación. Tamén, un colectivo para promover e defender a conservación e a utilidade dos vieiros que unen pola beiramar unhas vilas con outras na Costa da Morte dente tempos que se perden na memoria. Asemade, o proxecto incide na Internet sen renunciar a tirar proveito do que esta lle envía. De feito, detrás da iniciativa atópase un grupo de persoas que, coma unha rede social, descobre en cada sesión-andaina a suma de novos camiñantes.

PUBLICIDADE