O Camiño de Santiago será máis accesíbel grazas a unha guía na que colabora Vodafone

mércores, 6 de maio do 2015 Redacción

Ser turista con algún tipo de diversidade funcional require, non podemos enganarnos, esforzos extra. Isto é aplicábel a unha chea de camiños, e o Santiago non é unha excepción. É por iso que PREDIF, Fundación Vodafone España e Fundación ONCE colaboran unha vez máis na promoción dun turismo accesíbel a través do proxecto Camiño de Santiago accesíbel para todos. Con esta idea, buscan achegar ao turista con necesidades e características funcionais diversas información sobre a accesibilidade das distintas etapas do Camiño de Santiago e os seus recursos turísticos, co fin de facerlles máis doada a planificación da súa experiencia.
O proxecto en cuestión verase reflectido nunha guía, para a que se analizará o Camiño de Santiago nos treitos de Castela e León, composto por 11 etapas (179,70 quilómetros), e de Galicia, composto por 9 etapas (400 quilómetros), ambos os dous pertencentes ao Camiño Francés. Así mesmo, a guía conterá información dos recursos turísticos complementarios: transporte, aloxamento, restaurantes, monumentos, lecer, etc., que reúnan un nivel óptimo de accesibilidade para persoas con discapacidade.
Deste xeito, cada treito, produto, recurso turístico ou actividade analizados contará cunha descrición polo miúdo do seu nivel de accesibilidade física, visual e auditiva nas diferentes estancias e servizos que achega, así como unha breve información xeral sobre a súa localización e contorna. Amais, incluirá información en lectura sinxela.
Cómpre dicir que PREDIF pretende estender este proxecto a todas as rutas e Comunidades Autónomas polas que pasa o Camiño de Santiago, aínda que este ano 2015 só vai realizarse nas comunidades xa indicadas de Castela e León e Galicia.
Engadir que todos os contidos da guía, rutas e establecementos, publicaranse no portal web de Turismo Accesíbel de PREDIF, na aplicación Tur4all, e no Geoportal de Turismo Accesíbel.
Para rematar, informar que o proxecto complementarase con ferramentas tecnolóxicas que desenvolverán a Fundación ASPAYM Castela e León e a área de Innovación da Fundación Vodafone España: unha comunidade virtual en liña Camiño de Santiago entre todos, unha páxina web 2.0, unha aplicación móbil, e un cartón de beneficios para peregrinos.

PUBLICIDADE