O Camiño de Santiago chega aos Estados Unidos da man dun seminario en liña

luns, 28 de novembro do 2011 Redacción

Promover a nosa terra, turisticamente, a través dos novos métodos de difusión da Internet. Ese é o gran obxectivo dunha actividade organizada pola Consellería de Cultura para dar a coñecer o Camiño de Santiago en Estados Unidos: un seminario webinar ou, para entendérmonos, un seminario con auditorio sen límites, nin físicos nin de número de asistentes. A iniciativa, canalizada a través de Turgalicia, desenvolverase a vindeira semana. Segundo informa este organismo, a actividade en liña “posibilitará o contacto a través da Internet con operadores turísticos especializados en Turismo cultural para a promoción da Ruta xacobea”.
Desta maneira, engádese, dende Santiago establecerase comunicación coa Oficina de Turismo de España en Nova York, circunstancia que aproveitarán responsables de Turgalicia para levar a cabo unha presentación do Camiño de Santiago e as súas posibilidades turísticas. “A través deste seminario webinar Turgalicia porase en contacto cos axentes asociados ao operador turístico Virtuoso, unha das empresas canalizadoras de viaxes turísticos culturais máis importantes dos Estados Unidos”, informa Cultura.

PUBLICIDADE