O CTAG e Vodafone impulsarán o vehículo autónomo e conectado

mércores, 9 de febreiro do 2022 S. P.

O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), con sede no Porriño (Pontevedra), e a operadora Vodafone, traballarán conxuntamente para impulsar o vehículo autónomo e conectado e convertelo nunha realidade visíbel nas nosas estradas. En concreto, impulsarán o desenvolvemento e validación de sistemas para este tipo de condución chamada a revolucionar a mobilidade. Ao abeiro do acordo entre as dúas entidades, Vodafone proporcionará unha Rede Privada Móbil con funcionalidade 5G Stand Alone (SA) non comercial.
A operadora explica que a base deste proxecto é a telefonía 5G e as posibilidades que ofrece: “Trátase dunha tecnoloxía esencial neste eido de acción, no que o CTAG foi quen de consolidarse como centro á vangarda en conectividade para o sector de automoción en Europa”, poñendo en xogo recursos moi acaídos para o desenvolvemento destes recursos, como pistas especializadas e equipadas coas últimas tecnoloxías de testeo de ferramentas, incluída a rede privada de Vodafone.
Vantaxes da rede privada virtual
A compañía engade que a rede privada virtual permite ás empresas interconectar persoas e cousas utilizando a tecnoloxía 5G, á vez que pode admitir os servizos críticos para o negocio das empresas cunha rede local nas súas instalacións, “proporcionando unha conectividade segura, confiábel e dispoñíbel”. Vodafone engade que esta rede diferénciase dunha rede móbil pública en “que proporciona cobertura privada reservada que está suxeita ao rendemento acordado e a un fluxo de datos local e protexido”. No caso do vehículo autónomo, CTAG tamén goza do uso exclusivo dun tecido de equipos de rede (Core e RAN), cunha conectividade 5G Stand Alone que dota ao centro galego de velocidades máis altas, menos latencia e máis ancho de banda.
Ampliando capacidades
A empresa de telecomunicacións explica tamén que “esta nova infraestrutura amplía e complementa as capacidades de validación de CTAG no ámbito da mobilidade autónoma e conectada, que inclúe tanto contornas virtuais e de simulación, como pistas de proba especializadas e dotadas das tecnoloxías máis avanzadas de comunicación, así como o corredor ITS SISCOGA 4CCAM, que, con máis de 200 quilómetros de estradas urbanas e interurbanas preparadas para ensaiar o vehículo autónomo e conectado, supón un referente internacional no campo da mobilidade autónoma e conectada (CCAM)”.
Francisco Sánchez, director de Electrónica e ITS no CTAG define deste xeito o acordo coa operadora: “Esta alianza con Vodafone supón un forte impulso para a evolución dos nosos proxectos, dotándonos dunha tecnoloxía esencial e pioneira, que nos permite manternos á vangarda da innovación tecnolóxica internacional no ámbito da mobilidade conectada, cooperativa e autónoma”.
Pola súa banda, Francisco Vallejo, director territorial de Vodafone en Galicia, subliña que “é unha gran oportunidade para Vodafone colaborar con CTAG no desenvolvemento do vehículo autónomo, un gran proxecto para este sector no que a rede 5G SA é a gran facilitadora para ese cambio de paradigma que permitirá novas capacidades que serán claves para a creación de futuras aplicacións e casos de uso na Industria 4.0”.

PUBLICIDADE