O CPXG crea un rexistro de medios dixitais galegos
mércores, 15 de febreiro do 2023
O Colexio
Profesional de Xornalistas de Galicia vén
de poñer en marcha un Rexistro de Medios Dixitais Galegos, NRede, para
recoñecer os medios de comunicación con criterios xornalísticos que existen no
eido dixital. Ante a crecente aparición de espazos na Internet susceptibles de
seren considerados medios de comunicación, NRede
vai ofrecer á cidadanía a garantía de que a información á que está tendo acceso
é froito dun traballo profesional e respecta a deontoloxía do xornalismo,
distinguíndoa así doutro tipo de contidos dixitais. Igualmente, pretende servir
de axuda para que estes medios teñan máis argumentos para o acceso a
subvencións públicas ou para acreditarse en determinados eventos.
O decano do
Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria, salientou que NRede
"é unha ferramenta necesaria nos tempos da dixitalización de contidos para
separar o grao da palla; para que lectores e administracións identifiquen as
empresas que realmente realizan un labor xornalístico”. Pola súa parte, Darío
Janeiro, secretario do Colexio e coordinador do proxecto, salientou a
importancia de contar "cun certificado fiable e actualizado, mantido por
unha entidade de referencia como o Colexio de Xornalistas, onde tanto cidadáns,
administracións, entidades ou empresas que se relacionen cun medio dixital
poidan verificar que cumpre cos estándares profesionais". "En tempos
de desinformación e de proliferación de espazos na rede de dubidosa orixe e
intencionalidade, dispor dunha ferramenta como NRede pon en valor a aposta do
CPXG de salientar o traballo de medios de comunicación e xornalistas",
concluíu.
NRede vai servir
para que as institucións, empresas e cidadanía en xeral poidan saber se o sitio
web que están a visitar cumpre, de maneira probada, cos requisitos para poder
ser considerado un medio de comunicación, coas garantías que iso supón para a
información que forneza. Deste xeito, dótase á poboación dunha ferramenta para
evitar caer na desinformación que fomentan páxinas web non profesionais, ao
tempo que se facilita ás autoridades, á sociedade civil e ao mundo empresarial
un listado de medios de comunicación dixitais da nosa comunidade que poden
tomar de referencia para consulta de información ou para o envío de notas de
prensa. No que respecta ás e aos xornalistas, o feito de identificarse como
traballadores dun medio de comunicación recoñecido como tal ha facilitarlles a
acreditación en todo tipo de eventos e conferencias de prensa, dotalos de
garantías fronte a posíbeis menosprezos e ataques por parte de actores de todo
tipo e permitirlles xustificar o seu traballo informativo ante as autoridades.
Os medios que
soliciten formar parte de NRede e cumpran os requisitos quedarán rexistrados
nunha listaxe
de libre acceso para consulta da cidadanía. Serán recoñecidos tamén
mediante o selo de Medio Dixital Galego, co seu número de rexistro, que poderán
visibilizar nas súas páxinas web de cara a se identificar como un espazo de
comunicación con contidos xornalísticos. Este selo terá vixencia anual, sendo
necesaria a súa renovación pasado este tempo. Ademais, o Colexio de Xornalistas
solicitaralle á Xunta de Galicia a inclusión dos medios certificados por NRede
na Guía da Comunicación editada pola administración autonómica.
Para solicitar a
inclusión no rexistro de NRede, o medio debe estar constituído como empresa
xornalística ou entidade legalmente rexistrada (ou ben os seus autores estaren
dados de alta como autónomos), estar ao corrente das obrigas con Facenda e a
Seguridade Social e ter no cadro de persoal ou na organización empresarial
cando menos unha persoa licenciada ou graduada en Xornalismo ou colexiada no
CPXG. Os medios inscritos deben desenvolverse principalmente na contorna
dixital e cubrir información de interese xeral mediante a produción propia de
contidos actualizada de forma periódica. Son requisitos tamén un mínimo de seis
meses de traxectoria demostrable (tres anos no caso de anuarios) e o respecto
ao Código Deontolóxico do Xornalismo Galego.