O CPIICyL recoñece a traxectoria profesional de Fernando Suárez

mércores, 6 de maio do 2015 Marcus Fernández

Unha comisión do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática (CCII), tras tomar en consideración as candidaturas presentadas, decidiu por unanimidade que o Premio i3 á traxectoria Nacional fose a parar a Fernando Suárez Lorenzo, responsable de Innovación do Concello de Santiago de Compostela (involucrado activamente no movemento que impulsa as Smart Cities), presidente do Colexio Profesional de Enxeñeiros en Informática de Galicia (CPEIG) e vicepresidente primeiro do Consello Xeral da Enxeñería Informática.
O CCII considera que Fernando Suárez fai un bo labor representando ao colectivo e executa diversas iniciativas a nivel autonómico e estatal, polo que resulta acaído que reciba o Premio á Traxectoria Profesional Nacional dentro dos Premios i3 (polo i de ingenio, innovación e imaxinación), que outorga anualmente o Colexio Profesional de Enxeñeiros en Informática de Castela e León. Para elixir a Suárez como gañador da presenta edición sopesaron a súa dedicación ao seu colectivo profesional e o valor que achega ao mesmo, a contribución ao desenvolvemento da Enxeñería en Informática en beneficio da sociedade, o enxeño á hora de enfrontarse aos problemas e conseguir solucións, a traxectoria profesional e a posición profesional actual.
Os Premios i3 entregaranse durante a VIII Noite da Enxeñaría Informática de Castela e León que se celebrará en Valladolid o vindeiro día 15.

PUBLICIDADE