O CPETIG salienta as oportunidades de transferencia que se abren coa Fundación do CITIC

luns, 23 de novembro do 2015 Redacción

Marcos Mata, segundo pola dereita, no acto de constitución do padroado da Fundación do CITIC

Entre as entidades galegas que veñen de xuntar forzas no padroado da Fundación do Centro de Investigación TIC (CITIC), de cuxa constitución dimos cumprida conta o pasado venres dende Código Cero, atópase o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática, o CPETIG. Na cita estivo presente, precisamente, o presidente da entidade, Marcos Mata, quen salientou a importante oportunidade para a nosa terra (comezando polo sector produtivo) que se abre coa formalización da Fundación.
Esta entidade, como lembraremos, ten como obxectivo “potenciar as actividades de investigación e transferencia na área das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións ao sector produtivo, para o que haberá unha maior implicación coas empresas do sector”.
Amais do CPETIG, o padroado está formado pola Universidade da Coruña, Concello da Coruña, Altia Consultores, Appentra Solutions, Avansing, Bahía Software, Cluster TIC Galicia, Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, Emetel Sistemas, Enxenio, Indra Software Labs, R Cable e Telecomunicacións Galicia, Tecalis Engineering e Tecnoloxías Plexus.
No acto de constitución da entidade, o reitor da Universidade de Coruña, José Luis Armesto, destacou que nestes momentos son oito as empresas que están a traballar no segundo edificio co que conta a fundación no campus de Elviña, “unha proximidade que é exemplo de boas prácticas”; pola súa banda, o presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez Curral, afirmou que a presenza na Fundación é “para ser actores, non observadores”, e pediu “que as empresas de Galicia usen, valoren e contraten o que se fai na universidade”. Tamén considerou que a nova Fundación servirá para que deixe de ocorrer “que a universidade investiga unhas cousas e as empresas gañan diñeiro con outras.”
O coordinador da Fundación CITIC, González Penedo, sinalou pola súa banda aos investigadores como o principal activo e destacou como alicerces da entidade o fomento da investigación, a transferencia tecnolóxica a empresas e administración ou a formación.

PUBLICIDADE