O CPETIG organiza unha xornada sobre certificados de experiencia e as posibilidades da gamificación

martes, 26 de maio do 2015 Redacción

O Centro Demostrador TIC (CNTG, Santiago) acollerá o vindeiro día 4 de xuño, a partir das 16.00 horas, unha xornada divulgativa organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) sobre as oportunidades dos certificados de experiencia profesional e o potencial da gamificación. Esta actividade, sinala o CPETIG, está dirixida a profesionais do eido da informática interesados na metodoloxía dispoñíbel para amosar de xeito fiábel e eficaz a súa bagaxe profesional e a estudantes ou futuros estudantes de titulacións universitarias ou de ciclos formativos de informática e profesionais interesados no emprego de mecánicas propias do xogo en contornas e aplicacións alleas ao xogo (gamificación).
A xornada encádrase no marco do convenio asinado entre o CPETIG e a Universitat Oberta de Catalunya para divulgar dous temas de actualidade no eido da informática. Respecto ao programa en máis detalle, o colexio sinala que por unha banda presentarase o servizo CEPRAL, que lles permite aos profesionais do sector obter unha certificación da experiencia profesional, admitida ademais para o recoñecemento de créditos nos estudos universitarios de Informática (as tres universidades galegas e a Universidade Oberta de Cataluña (UOC) outorgan xa este recoñecemento, grazas aos acordos do CPETIG con estes catro centros docentes).

Marcos Mata, presidente do CPETIG

Por outra banda, farase un achegamento ao fenómeno de aplicar recursos e feituras propios dos xogos tecnolóxicos a ambientes non lúdicos, co fin de motivar aos profesionais e gañar en competitividade e eficacia. Esta xornada será impartida polo doutor enxeñeiro e director do Programa de Enxeñaría Informática dos estudos de Enxeñaría Informática, Multimedia e Telecomunicación da UOC, Daniel Riera, e polo enxeñeiro técnico en Informática e presidente do CPETIG e do Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría Técnica Informática, Marcos J. Mata.

PUBLICIDADE