O CPETIG organiza un seminario para preparar á cidadanía galega perante a eAdministración

venres, 3 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Público asistente a un dos seminarios que organizou o CPETIG a comezos do verán

Fálase moito de Administración Electrónica pero se cadra non se fala tanto como se debería dos métodos e recursos para tirar partido dela, tanto dende os profesionais da propia Administración como (e sobre todo) dende a cidadanía mesma, para quen aínda están por descubrir as vantaxes e funcións do eDNI e máis aínda os da dixitalización das relacións cos eidos públicos. Pois ben, para ir botando un pouco máis de luz sobre aqueles elementos dos que xeito inevitable imos ter que botar man para levar a cabo xestións en liña, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) organiza o vindeiro venres 10 de setembro un Seminario de usos e aplicacións do certificado dixital e do tarxeta criptográfica. A xuntanza, como vén sendo costume nas actividades formativas do CPETIG, apoiarase no emprego da videocoferencia para chegar á meirande cantidade de persoas interesadas. Así, a base de operacións será o Telecentro de Santiago (rúa Hórreo), pero haberá conexión directa coas aulas de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.Os asistentes nos distintos telecentros poderán participar no seminario realizando preguntas ou comentarios aos relatores.
Volvendo ao miolo do seminario mesmo, dicir que o seu obxectivo fundamental é contribuír a familiarizar á cidadanía galega cos novos contornos de identificación, usando certificados dixitais e tarxetas criptográficas. A importancia disto é dupla, informa o Colexio, posto que logo do 1 de xaneiro de 2010 entra en vigor a lei de Administración Electrónica que se dirixe a impulsar o emprego da tramitación dixital. Tendo en conta isto, o CPETIG marcouse o obxectivo de contribuír a este pulo, por unha banda formando aos profesionais e á sociedade en xeral nos ditos recursos e, pola outra, achegándolles aos usuarios as claves dunha xestión axeitada das tarxetas criptográficas onde se dá acubillo aos certificados.
Polo que respecta aos relatores presentes no seminario, no que por certo se fará entrega dunha tarxeta con sistema de cifrado e identificación dixital CERES+WG10 FNMT-RCM emitida pola Fábrica Nacional de Moeda de Timbre, dicir que aquel contará coa presenza de Roberto Martínez, técnico de seguridade de INTECO-CERT, Natalia Miguel, responsable de seguridade informática na compañía C3PO, ou Víctor Alberto Salgado, avogado-socio de Pintos&Salgado. O seminario desenvolverase entre as 16 e as 20.00 horas do venres 10 de setembro.

PUBLICIDADE