O CPETIG organiza este venres un seminario sobre redes sociais e protección de datos

luns, 24 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Quédanos saber moito, aínda, sobre a protección dos datos na Internet, unha cuestión prioritaria canto máis estamos, precisamente, na Internet. Na actualidade xa case ningún dos procesos propios dunha empresa ou dunha entidade de calquera índole, privada ou pública, se leva a cabo sen a axuda das redes, polo que resulta especialmente importante que a nosa presenza nesas redes sexa unha presenza de xeito. Co obxectivo de poñernos ao tanto sobre o regulamento existente e sobre as vantaxes e eivas das redes sociais en materia de salvagarda do coñecemento, o CPETIG organiza este venres 28 unha nova actividade formativa.
A actividade, que se desenvolve baixo o epígrafe A Lei Orgánica de Protección de Datos e as Redes Sociais, vén da man do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia e máis da Secretaría Xeral de Modernización, sendo unha das iniciativas incluídas no convenio asinado por ámbalas dúas entidades. O seminario servirá, entre outras cousas, para debater sobre o tratamento dos datos persoais que se fai por parte das redes sociais, así como as posibles consecuencias do uso inapropiado deses datos, e os dereitos legais das persoas ante as propias redes sociais. A xornada realizarase na Aula Centro Multimedia de Galicia en Santiago de Compostela (Rúa do Hórreo 61) e emitirase por videoconferencia aos telecentros de Coruña (Rúa Miguel González Garcés 1), Lugo (Centro Social Lamas de Prado. Praza de Castiñeiro s/n), Ourense (Rúa do Progreso 44) e Vigo (Rúa de Oporto 1). Os asistentes nos distintos telecentros poderán participar no seminario realizando preguntas ou comentarios aos relatores.
O seminario desenvolverase en horario de tarde (de 16:00 a 20:00 h) e para apuntarse é preciso cumprimentar unha inscrición indicando, ademais dos datos persoais, o telecentro ao que se desexa asistir. O formulario para inscribirse neste seminario deberá ser remitido por e-mail a seminariolopd@cpetig.org ou por fax ao 981 937 831. Poderemos atopar máis información na web do CPETIG.

PUBLICIDADE