O CPETIG organiza en xuño un completo programa de charlas sobre menores e uso seguro das redes sociais

luns, 3 de xuño do 2013 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, no marco do convenio asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vai organizar este mes de xuño unhas interesantes actividades de divulgación sobre as cousas que podemos facer, como pais ou como titores, para achegar o máximo tino e sentido común nas navegacións dos nosos fillos ou alumnos. As charlas sobre Os menores e o uso seguro das redes sociais terán lugar en Santiago, A Coruña e Ourense os días 18, 19 e 20 de xuño, respectivamente.
Segundo informa o colexio, está aberta xa a inscrición para a edición de Santiago de Compostela no Centro demostrador TIC de Galicia. En palabras da entidade profesional que dirixe Marcos Mata, “o obxectivo destas actividades é sensibilizar aos pais sobre os principais riscos existentes polo uso non apropiado destas ferramentas e ao mesmo tempo proporcionarlles os recursos necesarios para axudar na prevención dos mesmos ou minimizar as súas consecuencias”.
Segundo engade o colexio as redes sociais e a Internet en xeral precisan de novas respostas pola nosa parte no camiño da protección para os navegantes, sobre todo de cara aos máis pequenos. Cómpre, polo tanto, estarmos ao tanto das novas tendencias, das novas tecnoloxías e servizos de comunicación de meirande pegada entre os adolescentes e, tamén, das novas facianas que adquiren cada pouco na Rede unha serie de comportamentos que veñen de antigo e das que non son culpábeis as TIC: o abuso, o acoso ou as tentativas de manipulación dunhas persoas cara a outras. Para o CPETIG, “conceptos como ciberbulling (acoso entre menores), grooming (acoso entre un adulto e un menor) ou sexting (envío de fotografías sexuais), por desgraza empezan a ser de uso corrente, facéndose necesario establecer mecanismos e canles de control e denuncia, na que a colaboración entre pais, educadores e a sociedade en xeral é absolutamente necesaria”.
Programa de actividades
18: 00 – 18:30 Marta García de la Concha Álvarez - Fiscal delegada de Criminalidade Informática na provincia de Pontevedra. Charla: O menor como vítima ou responsábel de delitos cometidos a través de Internet.
- Protección penal dos menores vítimas do delito.
- As novas figuras de delito: childgrooming, ciberbullying, pornografía infantil...
- A responsabilidade penal dos menores de idade
- A responsabilidade civil solidaria dos pais ou titores: menores de 18 anos /menores de 14 anos
- Cooperación xudicial internacional no ámbito da criminalidade informática.
18:30 – 19:00 Gonzalo Sotelo Seguín - Equipo de Delincuencia Tecnolóxica - Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Charla: Menores e novas tecnoloxías, benvidos ao deserto do real.
- Grooming, ciberbulling, sexting e xeolocalización, novos riscos para o menor
- Investigación policial (Redes Sociais e dispositivos móbiles)
- Cooperación e traballo con operadores de servizo-contidos e operadores xurídicos - A importancia do coñecemento e da educación
19:00 – 19:30 María de Sousa-Valadas Castaño - User Support & Translations Manager en Tuenti. Charla: Tuenti, privacidade e seguridade.
- Que é Tuenti e para que serve
- O novo Tuenti, amigos vs. contactos
- A privacidade en Tuenti
- Idade mínima, protocolo de detección de menores de 14 anos
- Centro de axuda e seguridade
19:30 – 20:00 Mª Rosario Soltero Mayor - Diplomada en Informática – Colexiada do CPETIG. Charla: Consellos técnicos para o uso seguro das redes sociais.
1. A presenza de Internet na nosa vida cotiá
- Conectividade ao alcance de todos
- Multitude de servizos na rede
- Como curiosidade, Internet das cousas
2. Web 2.0
- Introdución - Redes sociais máis utilizadas: Facebook, Twitter, Google+, Tuenti, Linkedin, Flickr, Youtube
3. Consellos técnicos
- Seguridade básica en internet
- Seguridade con dispositivos móbiles
- Pautas para un bo uso das redes sociais
- Configuración de seguridade e privacidade nas principais redes sociais
Destinatarios das charlas Pais, nais, titores legais e formadores que desexen coñecer os riscos e consecuencias dun mal uso das redes sociais, profesionais do sector que desexen ampliar os coñecementos sobre cuestións legais que afectan a estas ferramentas. E en xeral, usuarios que desexen ter máis información de como usar estas aplicacións dun modo seguro.

PUBLICIDADE