O CPETIG organiza dous cursos de xestión de proxectos informáticos

mércores, 7 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) vén de anunciar o desenvolvemento de dous cursos de xestión de proxectos informáticos especialmente encamiñados aos profesionais do sector tecnolóxico-dixital galego. As dúas actividades formativas, inseridas dentro do programa de ensinanza promovido de xeito conxunto coa Secretaría Xeral de Modernización da Xunta, serán impartidas por dous especialistas na materia: Carlos G. Jardón (coordinador de iniciativas de banca na Dirección Xeral de Outsourcing en Tecnocom, PMP e EMBA) e José Luis Iparaguirre (High Maturity Lead Appraiser e único español certificado para avaliacións dos niveis 4 e 5 de CMMI). Os grandes obxectivos desta dupla proposta formativa é achegar datos prácticos sobre os procesos principais da xestión de proxectos, entender a súa achega na mellora na xestión, coñecer as principais ferramentas que a soportan e fornecer unha linguaxe común para falar da dirección de proxectos.
Estes cursos, por certo, forman parte da gran aposta do CPETIG a prol da “formación de calidade para profesionais TIC de Galicia”. Ámbalas actividades celebraranse de maneira simultánea e está previsto que se inclúa dentro da axenda das mesmas unha xornada conxunta sobre a situación actual da xestión de iniciativas no eido laboral da nosa terra, comparándoa co resto do Estado e incluso con outros exemplos do contorno internacional. O horario dos cursos é o seguinte:
· Venres 07/05 e 21/05. De 16:30 a 21:30
· Sábados 08/05 e 22/05. De 09:00 a 15:00
As actividades terán lugar no Hotel NH Obradoiro, Avenida Burgo das Nacións s/n, Santiago de Compostela. O prazo de pre-inscrición manterase aberto do 07 ao 29 de abril. O número de prazas dispoñibles é de 25 asistentes para cada curso. A inscrición realízase a través da páxina do CPETIG.

PUBLICIDADE