O CPETIG lévanos con #SilverBullet aos procesos que apuntalan o éxito dun proxecto TIC

luns, 24 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Marcos Mata, presidente do CPETIG

Quen queira información nova sobre o novo, vaina ter. O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) vaise encargar de proporcionala, o vindeiro 27 de setembro, co evento #SilverBullet18, unha das grandes citas TIC da tempada. Segundo nos conta máis en detalle o presidente do colexio, Marcos Mata, amais de cousas novas, vaise falar de tecnoloxías pero tamén de persoas, de liderado e, tamén, de propostas metodolóxicas a aplicar para garantir o éxito e a eficacia dos nosos proxectos. E todo, sinala, cun cariz marcadamente internacional.

-O CPETIG comeza setembro con forza. Por unha banda organiza o #SilverBullet18 e pola outra lánzase a formarnos nas oportunidades laborais que se abren co novo regulamento de protección de datos (poñendo o foco na figura do DPO). Significa isto que imos ter unha recta final de 2018 máis completa en actividades do CPETIG?
-Este ano o inicio do curso está sendo especialmente intensivo, é verdade. Por unha banda, cun curso de formación especializado en protección de datos, e por outra o II Congreso de Dirección de Proxectos e a nova edición de Iuristicgal que preparamos para outubro. Por razóns organizativas e debido principalmente ás eleccións á xunta de goberno do Colexio, este ano actividades de difusión e formación si que se concentran máis no segundo semestre. Pero a dinámica natural é distribuír ao longo do ano a oferta de actividades e así agardamos facelo no futuro.

-O fío temático da nova edición de #SilverBullet18 son as novas tendencias na dirección de proxectos e na xestión de persoas no ámbito TI. Cales son en liñas xerais estas tendencias?
-Ás veces, as novas tendencias teñen realmente pouco de novo, e máis de recuperar ou afondar en conceptos xa antigos. O manifesto áxil, por exemplo, ten máis de 17 anos cumpridos e o concepto de peopleware, que fai fincapé na importancia das persoas no ámbito tecnolóxico, emprégase dende os anos 70. No SilverBullet falaremos de xestión de persoas, de liderado, pero tamén de propostas metodolóxicas, como o estándar proposto pola Unión Europea, o PM2, para o que contaremos nada menos que cun dos seus co-fundadores, ou de técnicas específicas para enfrontarnos a escenarios propios da xestión de proxectos de TI.

-Cóntanos algo do equipo de relatores cos que contades este ano. Que destacarías deles?
-Este ano o SilverBullet volveuse máis internacional, con relatores que estarán con nós procedentes de México ou Bruxelas, o que coido que enriquecerá aínda máis a visión da dirección de proxectos e dará a oportunidade de ampliar o punto de mira, abrindo o foco de interese máis aló do horizonte nacional. Esa mirada internacional ten os nomes propios de Laurent Kummer, coautor da metodoloxía oficial de xestión de proxectos das institucións europeas, publicada en 2016 como OpenPM²; e Santiago Vázquez, director do Instituto de Liderado do Tecnolóxico de Monterrei (México).
O panel de relatores complétase con Santiago Cabaleiro, cunha intervención moi agardada, porque desvelará as claves para facer que un lugar de traballo sexa un entorno excelente para a produtividade, e falará con coñecemento de causa, porque o Grupo Visual MS, do que el é directivo, foi premiado como Best Workplace 2017.
E tamén estará Rafa García, fundador de Valor 2.0 e experto en productividade persoal e contornas colaborativas. Redondearemos a sesión cunha mesa redonda, moderada por Berta Candendo, para avivar o debate e favorecer a participación do público sobre as cuestións máis candentes.
Cremos que se trata dun programa moi completo e compensando, no que se abordarán cuestións metodolóxicas moi técnicas pero baixo o prisma do factor humano, sempre determinante no desenvolvemento e no éxito dos proxectos.

-En termos concretos e brevemente, cales son os obxectivos de #SilverBullet18?
-Por riba de todo, SilverBullet é un punto de encontro e debate que busca sensibilizar sobre a importancia dunha boa xestión de proxectos, en tódolos ámbitos, pero especialmente nun escenario, a informática, onde é tan importante una boa xestión de todo o ciclo de vida do noso proxecto, e, onde, aínda que estamos a falar dunha enxeñaría, o factor humano é fundamental. Trátase de pór en valor factores como a capacidade de liderado para motivar ao equipo e favorecer o espírito colaborativo. En definitiva, a capacidade de que os profesionais se sintan comprometidos co proxecto nun entorno de traballo motivador e positivo.

-Que salientarías da edición do ano pasado, non só en termos de pegada mediática, que foi ampla e que aínda rexistra actividade, senón en cuestión de froitos conseguidos?
-Pois a verdade é que a primeira edición tivo o sabor doce que teñen sempre as cousas que se estrean. Persoalmente quédome coa imaxe dun auditorio onde estaban presentes estudantes, traballadores públicos, profesionais das empresas do sector TI e doutras áreas, que por primeira vez tiveron a oportunidade de asistir en Galicia a un foro destas características.
A boa acollida daquela primeira edición e a positiva valoración dos participantes foi para o CPETIG un estímulo que nos leva a presentar agora esta segunda edición, coa esperanza de que cumpra coas expectativas xeradas.

PUBLICIDADE