O CPETIG lanza un decálogo de recomendacións de ecommerce con motivo do Día de Internet

mércores, 18 de maio do 2016 Redacción

Con motivo do Día Internacional de Internet (este 17 de maio) o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) lanzou un comunicado-decálogo dirixido a “equiparnos” cunha serie de recursos e metodoloxías para desenvolvermos as mellores e máis seguras actividades nas TIC. Sobre todo no que se refire a facermos compras e levar a cabo operacións bancarias de toda índole: actividades nas que se decote comprometemos datos de natureza delicada que cómpre salvagardar, protexer e cifrar se é necesario.
O colexio que preside Marcos Mata abre o decálogo lembrando que, ante todo, os bancos e os sitios web onde facemos compras son ben recoñecíbeis, para comezar, porque nunca piden que o noso contrasinal nun corre electrónico para verificar a nosa identidade: “Nunca esixen que accedamos a un enderezo web e poñamos o noso contrasinal”.
Así, sinala o CPETIG, “todo tipo de email neste sentido debe ser considerado un fraude e ten que ser eliminado”. Asemade, continúa o Colexio, “non se poden fornecer as credencias de acceso por teléfono a ninguén, por moito que aseguren que chaman do banco”.
A continuación damos conta das restantes recomendacións.

    2. “Por desgraza o contrasinal mais empregado no mundo é 123456. Cómpren contrasinais fortes, que combinen letras maiúsculas e minúsculas con números. Non empregues o mesmo contrasinal para todos os sitios e cámbiao de vez en cando. Se tiveran acceso a el nunha páxina web calquera que non se poda empregar o mesmo contrasinal para acceder á túa banca online”.
    3. “Nas tendas en liña busca no aviso legal ou na política de privacidade a identidade do vendedor, o seu enderezo, o seu NIF. Que exista. Que haxa alguén identificable detrás. Se a tenda non che ofrece total confianza non fagas pagos coa tarxeta de crédito, emprega Paypal, tarxetas prepago ou contra reembolso”.
    4. “A maioría das entidades bancarias teñen tarxetas de crédito securizadas, que envían petición de confirmación das compras ao móbil antes de autorizalas e mesmo as hai que envían un SMS cada vez que se fai unha compra. Revisa a túa conta corrente con asiduidade e infórmate no te banco destas medidas adicionais de seguridade que podes empregar”.
    5. “Un antivirus excelente e con moita reputación non serve de nada se non o tes actualizado. Mantén as medidas de seguridade do equipo a punto, por exemplo, o corta lumes activado”.
    6. “Non empregues redes Wi-Fi públicas de balde para facer compras ou acceder ao teu banco. Calquera poderías estar á escoita”.
    7. “Se accedes cun computador público (hotel, biblioteca, ciber…) extrema as precaucións e se non ten máis remedio que usalos lembra sempre pechar as sesións do navegador, borrar a caché, e eliminar as cookies e calquera rastro teu de navegación”.
    8. “A maioría das entidades bancarias e sitios de comercio online grandes teñen certificados de seguridade instalados, busca o símbolo dunha pechadura na barra de enderezos do navegador. Se antes aparecía e agora non está desconfía que non esteas sendo enganado e che estean enviando a unha páxina copia da orixinal”.
    9. “Se participas en foros e páxinas web de todo tipo nas que deixas o teu enderezo electrónico, que sexa un específico para estes fins. Non empregues o mesmo email para comunicarte ou acceder ao teu banco”.
    10. “Cando escribas un correo para varias persoas emprega o campo CCO, doutro xeito estarás revelando o correo a todos os destinatarios. Ademais de ser unha conduta sancionábel pola Axencia Española de Protección de Datos estás comprometendo a Privacidade dos demais e engadindo riscos a outros”.

PUBLICIDADE