O CPETIG fixo un balance positivo do pasado exercicio durante a súa Asemblea Xeral

martes, 3 de xullo do 2012 Raquel Noya

O Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), creado mediante Lei do Parlamento no ano 2006, celebrou durante a pasada fin de semana a súa Asemblea Xeral Ordinaria, na que, entre outras cousas, se presentou para a súa aprobación o orzamento para este ano 2012, que achega unha previsión de gasto de preto de 17.000 euros.
Nesta cita anual, celebrada no Gran Hotel de Santiago de Compostela, o presidente da entidade, Marcos Mata, aproveitou ademais para facer balance das contas e das actividades do 2011, e tamén dou conta dos contactos mantidos coas Administracións e Universidades.
Tamén se fixo un repaso polos contidos e novidades que achega a nova web da entidade, moito máis funcional e atractiva por certo, e informouse sobre o proceso de modificación estatutaria no que está inmerso o CPETIG, do que afirman que “xa se presentou ao Consello de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica en Informática e do que se está a agardar o seu informe”, engaden.
A convocatoria serviu, asemade, para tratar e ditar as liñas estratéxicas de actuacións a seguir polo CPETIG no vindeiro exercicio, para o que se recibiron, da man dos participantes, propostas de actividades a desenvolver nos anos vindeiros, na opinión do equipo directivo, “moi interesantes” .

PUBLICIDADE