O CPETIG desenvolve esta fin de semana a recta final do seu curso sobre Android

xoves, 7 de marzo do 2013 Redacción

Este venres 8 de marzo ás 16 horas comeza a segunda e última parte do curso que organiza o CPETIG sobre o sistema operativo Android, unha ferramenta libre que vén da man de Google e que hoxe en día pasa por ser o sistema con meirande implantación nos smartphones activos en España. Estas segundas xeiras de traballo, que contarán coa participación de máis de 20 asistentes, rematan o sábado día 9.
En ámbalas dúas xornadas, a celebrar no Gran Hotel Santiago (avenida Mestre Mateo), abordaranse aspectos como as visións de conxunto sobre os fundamentos esenciais de Android, ou o xeito en que as aplicacións comunícanse entre si. Tamén incidirase no tema da seguridade, tanto no momento do desenvolvemento das aplicacións como na execución destas.
Segundo nos recorda o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática facéndose eco dos datos do último estudo de mercado realizado pola consultora Kantar Worldpanel, oito de cada dez smartphones adquiridos en España entre setembro e decembro do pasado ano contaban co sistema operativo Android, seguido moi de lonxe do software de Apple, Blackberry, Nokia e Windows. “Este dato”, engade o colexio “vén a pór de relevo a importancia de realizar ciclos formativos como o que pon en marcha o CPETIG”.
Lembrar, por último, que Android é un sistema operativo móbil baseado en Linux, que xunto con aplicacións middleware diríxese a ser utilizado en dispositivos móbiles como teléfonos intelixentes, tablets, Google TV e outros dispositivos. Foi desenvolvido pola Open Handset Alliance, que é propiedade de Google. Este sistema polo xeral manexa aplicacións como Market (Marketing) ou a súa actualización, PlayStore.

PUBLICIDADE