O CPETIG debullará en outubro os retos da xustiza na sociedade 2.0

luns, 4 de agosto do 2014 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) analizará os retos da xustiza ante a sociedade 2.0 na IV Xornada de Informática Xudicial, que terá lugar na Cidade da Cultura de Santiago, o vindeiro 10 de outubro de 2014. Un dos obxectivos prioritarios do colexio, un ano máis, é converter as xornadas “nun foro de debate referencial sobre temas de actualidade para a administración de Xustiza”. A maiores, búscase contribuír a incrementar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial co uso das novas ferramentas electrónicas e forenses. A isto responde precisamente a alianza selada entre o CPETIG e AMTEGA, que traballan conxuntamente (a través de xornadas como esta da que estamos a falar) en informar e concienciar a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados e xuristas en xeral, sobre os avances en materia probatoria en casos onde intervén o factor informático.
O programa de actividades, baixo a dirección técnica de Víctor Salgado (avogado socio do Bufete Pintos & Salgado), tamén amosará os beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no proceso xudicial, as claves da valoración da proba informática e o relevante papel dos peritos informáticos nas causas xudiciais.
As cuestións Big Data e o dereito á privacidade, e a proba electrónica abren a xornada cun relatorio que impartirá Jorge Campanillas, avogado experto. O inspector xefe da Comisaría Xeral da Policía Científica na Policía Nacional, Jorge Martín, exporá a labor forense da Policía Xudicial ante a nube e os dispositivos móbiles.
O novo escenario xurídico-probatorio ante a ilegalización da directiva europea de conservación de datos será explicado polo maxistrado da Audiencia Nacional, Eloy Velasco. Pola súa banda, Julián Valero-Torrijos, profesor titular de Dereito Administrativo na Universidade de Murcia abordará o marco normativo da Lei de Xustiza Electrónica.
Durante a xornada tamén se coñecerá polo miúdo o labor divulgativo e preventivo da policía en materia de menores e redes sociais, mediante o relato en primeira persoa do responsable da conta @policia, Carlos Fernández Guerra. Entre outros temas, abordaranse igualmente cuestións relacionadas coa ciberdefensa ante as nova ciberameazas e o futuro da Xustiza europea, na sociedade 2.0.
O CPETIG, mediante o convenio de colaboración asinado coa AMTEGA, no que se insire este evento, quere contribuír a formar aos profesionais da Administración de Xustiza no uso das tecnoloxías da información, a súa complexidade técnica e xurídica, e as súas potencialidades para achegar a xustiza aos administrados.

PUBLICIDADE