O CPETIG amosará nun curso as múltiples vantaxes de traballar coa linguaxe Scratch

martes, 8 de abril do 2014 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática Técnica de Galicia (CPETIG) informou que xa ten aberto o prazo para inscribirnos no seu curso de Programación de aplicacións con Scratch. A actividade formativa, que ten unha duración de oito horas e insírese dentro das actividades dun convenio asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, abrangue dúas xeiras de formación: o xoves 24 de abril (de 16.00 a 20.00 horas) e o venres 25 de abril (de 16.00 a 20.00 horas). Os obxectivos son (entre outros) aprender a desenvolver aplicacións informáticas con Scratch, comprender a súa potencia de uso como recurso didáctico e coñecer as metodoloxías e casos de éxito da súa integración no desenvolvemento de programas.
A primeira xornada de traballo servirá para introducirnos na natureza desta linguaxe de programación doada e funcional e nas razóns e vantaxes de amosala no eido educativo e familiarizar aos escolares co seu uso. Na segunda xornada, abordaranse conceptos avanzados sobre Scratch e estratexias de integración da programación con este código de traballo na aula. A vertente formativa do curso, que se vai desenvolver no Centro Demostrador TIC de Santiago (CNTG), correrá a cargo de Jesús Moreno León, enxeñeiro técnico en Informática e máster en Enxeñaría de Sistemas Telemáticos (traballa arestora no Instituto Nacional de Tecnoloxías Educativas e Formación do Profesorado), e José Ignacio Huertas Fernández, enxeñeiro técnico en Informática e máster en Enxeñaría de Sistemas Telemáticos (traballa no IES Polígono Sur de Sevilla).
Lembrar que Scratch é unha contorna de aprendizaxe de linguaxe de programación que permite aos principiantes ou persoas sen experiencia en programación obter importantes resultados en deseño e desenvolvemento de diferentes ferramentas. Trátase pois dunha contorna que facilita a aprendizaxe autónoma. Foi desenvolvida polo grupo permanente Kindergarten no Media Lab do MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts) por un equipo dirixido por Mitchel Resnick.

PUBLICIDADE