O CPETIG aborda a renovación TIC da Xustiza nos dous seminarios que celebra en Santiago e Vigo

venres, 23 de maio do 2014 Redacción

Víctor Salgado e Marcos Mata durante a celebración dos cursos

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, está a celebrar estes días dous seminarios para formar a profesionais da Administración de Xustiza en cuestións de gran interese para o desenvolvemento futuro dos seu cometidos laborais. Cuestións como a protección de datos, a aplicación da eAdministración ou o expediente electrónico. Os cursos, que se están a celebrar en Santiago e Vigo (os días 22 e 23) incluíndo oito horas de contidos, contan para o seu desenvolvemento coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e coa participación na dirección técnica do bufete Pintos&Salgado.
O obxectivo, sinala o CPETIG, é basicamente informar a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais e funcionarios dos corpos ao servizo da Administración de Xustiza sobre os aspectos máis relevantes da chegada e afianzamento das ferramentas dixitais en boa parte dos ámbitos que son propios do seu traballo diario. Tamén se fai fincapé “nos beneficios de incorporar o uso das novas tecnoloxías a todos os procesos xudiciais”, e tamén nas vantaxes de incrementar a seguridade e a eficiencia na Administración de Xustiza pola vía da implantación das novas ferramentas avanzadas, garantindo o pleno respecto ao dereito á privacidade dos cidadáns.
O primeiro relatorio, impartido polo Bufete Pintos e Salgado, aborda a obriga que establece a LOPD (Lei Orgánica de Protección de Datos) respecto aos ficheiros da Administración de Xustiza e as medidas de seguridade esixibles para o tratamento dos ficheiros con datos persoais. “Así”, sinala o CPETIG, “analízanse aspectos como as obrigas do responsable do ficheiro, o consentimento dos afectados, o deber de información no tratamento dos datos, os dereitos dos titulares dos datos e as infraccións e sancións que se poden derivar da súa xestión”. Asemade, estúdanse as medidas de seguridade para o tratamento dos datos e a súa clasificación.
Na segunda quenda, o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña Francisco Javier Sanz Larruga expón os puntos máis relevantes da Lei 18/2011, de 5 xullo, reguladora do uso das TIC no eido xudicial. O obxectivo é abordar cuestións como o uso dos medios electrónicos na Administración de Xustiza; os dereitos e deberes dos profesionais deste ámbito nas súas relacións por medios electrónicos; o emprego obrigatorio dos medios electrónicos nos procedementos xudiciais; a sede xudicial electrónica; ou a identificación e autenticación dos usuarios.
Finalmente, Antonio Gudín Rodríguez-Magariños, secretario do Xulgado Central de Instrución nº 6 da Audiencia Nacional, relata a experiencia na implantación da Administración Xudicial Electrónica, as ferramentas dispoñíbeis, o éxito obtido na Audiencia Nacional co seu desenvolvemento e as perspectivas de implantación en xulgados e tribunais.
Estes seminarios celébranse en orde simultánea inversa en Santiago de Compostela (EGAP) e Vigo (Hotel Hesperia), de xeito que en Vigo se imparten o día 22 os relatorios que se pronunciarán o día 23 en Santiago e viceversa.

PUBLICIDADE