O CPEIG xa conta oficialmente con novos estatutos

martes, 23 de agosto do 2016 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, na pasada edición da Noite da Enxeñaría en Informática

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 9 de agosto o Decreto 100/2016, do 7 de xullo, polo que se aproban os estatutos do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Segundo informa a entidade profesional que preside Fernando Suárez, trátase “da materialización do acordo acadado en distintas asembleas xerais, a última delas celebrada o 21 de maio do presente ano, para a modificación dos estatutos”. Estes foron presentados no seu día na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do Goberno galego. En virtude da devandita publicación, dáselle a oficialidade definitiva á derrogación dos estatutos previos e de “cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto”, faise saber no texto publicado.
Segundo explica o CPEIG dende a súa web, a actualización dos textos remóntase ao ano 2013, pola necesidade de adaptalos aos cambios normativos xurdidos, na súa maior parte a partir da coñecida como “Lei Ómnibus”, que é como se chama popularmente á Lei 25/2009 para a modificación de diversas normas legais e súa adaptación á lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. “Desde aquela”, explica o colexio, “producíronse alegacións da Xunta de Galicia, un informe do Consello de Colexios, a aprobación dos estatutos do Consello Xeral de Colexios, un novo informe do Goberno galego, alegacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e do Consello de Colexios, e novas alegacións da Xunta que conforman a traxectoria da modificación dos estatutos xa publicados no DOG.
Algunhas modificacións salientábeis
Entre os cambios máis destacados, o novo redactado permite a colexiación dos novos títulos de máster, adaptados ao Espazo Europeo de Ensinanza Superior (EEES). Asemade, o artigo 4 sinala explicitamente, na súa nova redacción, a posesión do título de Enxeñaría en Informática. Fíxase desta maneira: “O Colexio agrupará baixo a denominación de membros colexiados de número as persoas españolas e estranxeiras que exerzan a profesión de enxeñaría en informática por estar en posesión do título de Enxeñaría en Informática, dun título universitario oficial vinculado coa profesión de enxeñaría en informática ou ben se atopen en posesión dun título universitario debidamente homologado ou declarado equivalente ao anterior polo ministerio competente”.
Pola contra, na versión xa derrogada sinalábase: “Por estar en posesión dun título universitario oficial vinculado coa profesión de enxeñaría en informática ou ben se atopen en posesión dun título universitario debidamente homologado ou declarado equivalente ao anterior polo ministerio competente”.
O CPEIG tamén fai fincapé no artigo 11, que sinala que o requisito para ser colexiado é “estar en posesión do título de Enxeñaría en Informática, dunha titulación universitaria oficial vinculada co exercicio da profesión de enxeñaría en informática, ou ben atoparse en posesión dunha titulación universitaria”, cando na anterior redacción non se sinalaba especificamente a devandita titulación.

PUBLICIDADE