O CPEIG únese publicamente ao pesar polo accidente ferroviario de Angrois

martes, 30 de xullo do 2013 Redacción

Entre as entidades relacionadas co ámbito tecnolóxico-dixital que se sumaron ás condolencias pola traxedia ferroviaria de Angrois inclúese o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), cuxos integrantes decidiron expresar publicamente o seu pesar pola traxedia do día 24 de xullo, na que, como lembraremos, morreron 79 persoas. O colexio quixo deste xeito unirse “á dor das vítimas do sinistro e das súas familias”, ao tempo que expresa a súa admiración polo traballo dos profesionais da sanidade e de emerxencias que actuaron e aínda están a actuar a prol dos feridos e falecidos.
Asemade, o CPEIG subliña no seu comunicado de condolencias na web o seu recoñecemento aos voluntarios anónimos que non dubidaron en axudar nas tarefas de rescate e que tamén reconfortaron as vítimas e familiares na súa dor. “Reiteramos o noso pésame polos falecidos, especialmente por Jacobo Romero Rivera e David Villoldo Pardo, enxeñeiros informáticos que finaron no accidente. Descansen en paz”, engaden os nosos enxeñeiros en Informática.

PUBLICIDADE