O CPEIG trae a Santiago a Javier Urra para mostrarnos como educar dixitalmente aos pequenos
martes, 26 de xuño do 2018
A
medida que medra a presenza da información dixital nas familias, as
nais e os pais queren saber dos métodos máis axeitados a seguir
para que esa información e eses hábitos TIC sexan positivos,
enriquecedores, non-violentos e, tamén, de utilidade. Para atender
esta demanda, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de
Galicia (CPEIG) organiza decote actividades de divulgación para
proxenitoras/es e divulgadoras/es. Unha destas actividades está
prevista para este 30 de xuño e promete ser unha cita moi axeitada
para despexarmos dúbidas sobre que camiños seguir no día a día
tecnolóxico dos nosos fogares.
A
xornada-conferencia será impartida polo reputado psicólogo navarro
Javier Urra e desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Educar
con criterio e ALGO MÁIS. A cita será ás 12:00 horas no
Centro de Innovación Cultural (Edificio CINC) da Cidade da Cultura
de Galicia en Santiago de Compostela. A conferencia, aberta ao
público en xeral, está enmarcada nas actividades da cuarta edición
da Olimpíada de Robótica de Galicia, da que o CPEIG tamén é
entidade organizadora xunto á FEGAMP e Arkitas.
Segundo
informa o CPEIG, Urra é psicólogo forense da Fiscalía do Tribunal
Superior de Xustiza, está especializado en psicoloxía clínica e
psicoterapia (acreditado por la Federación Europea de Asociacións
de Psicólogos) e é pedagogo terapeuta.
Na
charla, explicará aos pais e nais asistentes á charla o esencial
para educar aos seus fillos con criterio. Falará de prevención e
intervención, da necesidade do contacto pel con pel e do contacto na
Rede.
Segundo
ten sinalado previamente Urra, actualmente existen diversos tipos de
pais e nais, que se caracterizan por “seren inmaduros,
sobreprotectores que queren mercar o cariños dos seus fillo ou que
acceden á chantaxe dos rapaces, pais que non queren ser auctoritas,
ou pais e nais que non saben educar e non teñen criterios”. Neste
último grupo centrarase o relator na súa exposición.
No
que atinxe ao papel de Internet, Urra indica que “se debe ensinar
aos nenos e nenas a ter respecto polos demais e pedir perdón”. E
engade: “A Rede é un instrumento máis, e o rapaz que causa
ciberacoso a través das redes sociais tamén o fai no colexio”,
considera.