O CPEIG recoñecerá a traxectoria profesional de Víctor Gulías a título póstumo

venres, 27 de abril do 2012 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiu concederlle a título póstumo o Premio Traxectoria Profesional (dentro dos galardóns que concede anualmente na Noite da Enxeñaría en Informática) ao profesor, investigador e emprendedor Víctor Gulías Fernández, falecido recentemente.
O homenaxeado foi director do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) e profesor titular na Universidade da Coruña. Para o CPEIG, Víctor Gulías é un referente polo moito que traballou a prol da dignificación da profesión e a favor das TIC, esforzo que o CPEIG xa lle recoñeceu publicamente en ocasións anteriores. Asemade, Gulías representa, como emprendedor, un exemplo de que é factible crear solucións empresariais competitivas globais desde Galicia e apostar pola internacionalización das nosas empresas.
Este serán a Facultade de Informática da Coruña tributoulle unha merecida homenaxe no salón de actos do centro, nunha cerimonia á que asistiu o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo.
A familia do homenaxeado recibirá o premio do CPEIG no transcurso da Cuarta Noite da Enxeñaría en Informática, que se celebrará no mes de novembro, en Santiago de Compostela. O galardón insírese nos Premios da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, gala que o CPEIG celebra anualmente. Este evento representa un punto de encontro para os colexiados e colexiadas, e conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos.

PUBLICIDADE