O CPEIG recoñece o labor de García Morán outorgándolle o premio Traxectoria Profesional

mércores, 2 de abril do 2014 Redacción

Subliñar a importancia da profesión informática nos máis altos niveis de decisión, a prol dunha administración pública con garantías de interoperabilidade e seguridade é o obxectivo do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e máis polo miúdo do premio Traxectoria Profesional que será entregado durante a celebración da sexta Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para xuño en Compostela. Nesta ocasión, o dito galardón irá parar a mans de Francisco García Morán, conselleiro xefe en TIC e ex-director xeral de Informática da Comisión Europea.
E achegándonos un pouco á figura de García Morán, cómpre sinalar que é licenciado en Matemáticas pola Universidade de Sevilla e en Informática pola Universidade Politécnica de Madrid. A súa traxectoria comezou como profesor e enxeñeiro de Informática na Universidade de Sevilla. Logo de traballar durante varios anos no departamento de Informática do Ministerio de Educación e Ciencia (e como responsábel de diversos servizos informáticos na Junta de Andalucía), incorporouse á Comisión Europea en 1986, onde continuou traballando na área da Informática. En 2001 foi nomeado director de Informática da Dirección Xeral de Persoal e Administración. Foi artífice da creación da Dirección Xeral de Informática, encargada da definición da estratexia TI da Comisión Europea, da que foi responsábel a partir de novembro de 2005 até febreiro do pasado ano. En marzo de 2013 converteuse en asesor da Comisión Europea (como xefe de Informática), centrado en áreas como o eGoberno, as estratexias dixitais e a seguridade TIC. Na actualidade traballa de xeito especial no apoio a Grecia para o desenvolvemento da estratexia dixital e do eGoberno grego.
Asemade, exerceu como responsábel do programa ISA (Interoperable Solutions for Public Administrations) e, representando a Comisión Europea, formou parte do Comité de Dirección de ENISA (European Network and Information Security Agency). Amais foi membro do grupo de alto nivel HLEG (High Level E Transformation Group) do Banco Mundial e supervisor do CERT (Computer Emergency Response Team) desde 2012.

PUBLICIDADE